A crise non pode frear os investimentos culturais

Manuel Suárez Suárez

CARBALLO

06 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Anda don Dombate reflexionando sobre a crise e o adiamento de proxectos culturais na Costa da Morte. Os seus moitos séculos no lombo fanlle afirmar con convencemento de causa que falando de cartos era antes cando non os había. Agora abondan, pero moitas veces por motivos localistas non chegan aos sitios que deberan.

Está pensando nas fotos de Ramón Caamaño que era bo amigo seu. O muxián botaba longas parrafeadas comentando aquela foto que fixera na furna de Buserana desde unha pequena embarcación ou certos detalles dos concorridos días da romaría da virxe da Barca.

Entende que o Concello de Muxía teña que esperar novos orzamentos para que se poñan en marcha as obras do Centro de Cultura Contemporánea, pero non hai razón que xustifique que se retrase a apertura ao público da Casa das Beiras. O lugar elixido é perfecto para expoñer as históricas fotos do gran Caamaño. Será un bo investimento e moi rendible xa que axiña virán investigadores para documentarse nos usos e costumes da Costa da Morte.