As regueifas de Celestino Álvarez volveranse literatura o día 24 deste mes

P. B. M.

CARBALLO

09 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O labor de investigación que a asociación de veciños Monte d'Arxa de Cerqueda (Malpica) vén facendo arredor da regueifa en Bergantiños e na que o filólogo Xosé Manuel Varela ten moito que ver, vén dando xa os seus froitos.

Así, ademais dos talleres de regueifa que se puxeron en marcha nas últimas semanas , o vindeiro 24 deste mes, como colofón a eses obradoiros, presentarase (tamén haberá magosto) un libro sobre o regueifeiro Celestino Álvarez Castro, máis coñecido como Celestrino.

Proxectarase tamén un deuvedé das Festas da Regueifa celebradas a finais dos 80 no Campo de San Cristovo de Cerqueda. Sinalada será a macrorregueifa que se fará neses días, con Antonio e Suso de Xornes, Fermín da Feiranova, Guillermo da Rabadeira e todos os que lle sigan o ritmo. Como fin de festa haberá unha sesión de baile amenizada polo grupo Trastes de Cances.

En boa parte responsabilidade do estudoso Xosé Manuel Varela, o libro que se presentará en Cerqueda é, sen dúbida, un tesouro. Aborda a vida dun dos máis grandes e descoñecidos regueifeiros da comarca, Celestino Álvarez Castro, Celestrino, nado o 15 de abril de 1930 no lugar do Piñeiro (Leiloio). Sen ánimo de desvelar moitos segredos da obra, o traballo, feito coa colaboración de moitos dos que recordan aqueles tempos nos que a regueifa duraba ata altas horas da madrugada, o certo é que o escrito devolverá lembranzas: a ascendencia regueifeira do protagonista ou o seu traslado, con dez ou doce anos, a Leduzo, para traballar como criado na Casa de Veiga. Cóntanse polo miúdo os primeiros contactos de Celestrino coa regueifa e recóllense tamén os testimonios e instantáneas que este cantar retranqueiro foi deixando pola comarca.

Pasou o regueifeiro pola emigración, mais tamén polos xornais daquel tempo, onde chegou a dicir: «Unha regueifa trátase de dous que se pelexan a coplas un co outro, e atestando. É dicir, achacando o máis posible». As súas creacións e actuacións máis sonadas seranlle tamén desveladas aos moitos lectores que, de seguro, ha de conseguir esta obra.

Cita de hoxe

Polo de pronto, hoxe mesmo haberá en Cerqueda unha cita coa regueifa: será a terceira sesión do obradoiro para mozos. Estrearase como profesor Antonio de Xornes, quen por motivos laborais non puido impartir ningunha xornada ata o de agora. Entre o alumnado encóntranse as cantareiras de Raigañas, Begoña Gómez Otero e Rosario Álvarez García; a actriz Charo Lema, tamén de Raigañas; o secretario da asociación Monte d'Arxa, o propio Xosé Manuel Varela e veciños da parroquia que se amosaron interesados dende o primeiro día: José Suárez García e Dorinda Pérez García. A cita será ás 21.30 horas desta tarde, no local social de As Pozacas, en Cerqueda.