Carballo xa ten praza na rede

CARBALLO

O miniepisodio «Na bágoa da marea» presentouse onte no Pazo da Cultura entre as risas e aplausos de todos os asistentes

03 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Se algo non se pode perder nesta vida é o humor e a nosa identidade». Palabras do rexidor Carballo, Evencio Ferrero, para presentar o miniepisodio Na bágoa da marea, unha nova entrega da serie para Internet Para marinheiros, nós. Precisamente, son esas dúas cousas as que potencia estas curtametraxes. Asistiron ao acto, tamén, a edila de Cultura, Belén Lendoiro e, como non, moitos dos protagonistas e dos que fan posible que, logo de varios anos (estreouse no 2007), este proxecto en Internet siga saíndo adiante e, o que é máis, siga facéndoo con éxito. Así, Alberte Bello, un dos directores da produtora -Correlo Filmes-, Omar Rabuñal -director do proxecto- e Suso Lista pasaron por diante do micrófono de presentación, onte, no Pazo da Cultura de Carballo, diante de moitos amigos e coñecidos.

Logo dun breve repaso icónico pola traxectoria da produción de Correlo Filmes -no episodio O Sobriño chégase a mencionar o poder milagreiro da Virxe de Caión- e de outros episodios como O botellón ou Eu tamén quero coñac, Pinto (Suso Lista) e Cobiñas (Manolo Castro), ambos os dous protagonistas, chegaron a Carballo.

Na capital de Bergantiños

Loaron na presentación as facilidades postas polo Concello para poder rodar en Carballo. Certamente, dixo Ferrero, ««non entendo a administración local doutro xeito, o Concello ha de estar cerca da xente, dun humor tan galego e dunha proposta tan refrescante coma esta». Tomaron imaxes na Praza dos Libros, algo máis que unha feira literaria que, neste ano, caeu en Carballo na última fin de semana de agosto. Tamén no pub A Reserva. Dous escenarios ben diferentes, pero que, coa colaboración especial de Suso de Toro, Manolo Rivas e Gustavo Pernas, encaixan á perfección no episodio na Bágoa da Marea.

Se os que se presentaron antes que este -«todo o bo se fai esperar», apuntaron, e, de feito, algo houbo que facelo- despertaron as risas dos presentes, os contos de Pinto e Cobiñas, as súas regueifas cos escritores que participaron na rodaxe, así como o seu pulso entre a filosofía, a literatura e o alcol levantaron máis aplausos aínda. Pan de Carballo, mercado de produtos, feira dos libros e moito máis mistúrase nestes minutos de risas aseguradas que pretenden fomentar a lectura en galego. «Para poeta Pondal», acaba dicindo Cobiñas logo duns versos que, se ben teñen rima consonante, quizais non garden as regras do ben falado.

Todo isto e os anteriores capítulos -son máis de dez- pode verse xa «colgado». A partir do luns, en www.correlofilmes.com. Carballo, agora, xa ten a súa praza (ou Praza) na rede.