«De tantas que teño que cociñar nesa xornada, en 15 días xa non volvo a querer probar as fabas»

P. B. M.

CARBALLO

01 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O domingo festexarase en Paiosaco (A Laracha) a Festa das Fabas, unha iniciativa que pretende recoller o legado da tradición e que se encarga de conducir a asociación cultural Queiroga, presidida por Teresa Martínez Cotelo.

-O estómago terá que comezar a funcionar cedo.

-Si, as primeiras racións serviranse ás 10.00. Tamén haberá xamón asado e mostra de artesanía. As potas comezarán a poñerse ás catro da madrugada. -¿E quen se levanta para cociñar a esas horas? -Eu levo boa parte. Dá traballo porque é moita cantidade de faba, sobre uns 350 quilos, que teño que facer en potas de 40, 50 ou 60 litros. O complicado é saber graduar os ingredientes. Hai que estar moi concentrado. De tantas fabas que teño que cociñar nesa xornada, en quince días xa non volvo a querer probalas, coma quen di. -¿Ten algún tipo de segredo ou, polo menos, podería dicir que levan en Paiosaco? -Segredo non ten e ciencia tampouco ten moita: levan fabada, carne salgada, chourizo, morcilla, pemento doce, comiños, cebola e allo. Todos os anos tiveron moito éxito. -¿Ten que ver a festa coa calidade das fabas da zona? -En realidade, esta celebración, que xa se fai hai seis anos, xurdiu a raíz de que aquí en Paiosaco houbo tradicionalmente unha feira moi importante á que lle chamaban «feira das fabas». Reunía moita xente, que intercambiaba o produto por unha modalidade ou outra. Uns compraban a «asturiana» e vendían outro tipo. Eran cousas que se foron perdendo, sobre todo coa chegada das cooperativas. Por iso, nunha reunión, decidimos recuperar iso cunha festa. -¿Cantos anos hai que funciona Queiroga? -Dez. Esta é a segunda vez que son presidenta. Primeiro comezou José María, hoxe vocal, logo collino eu, estiven cinco anos e deixeino. A seguinte persoa que colleu a presidencia estivo unha edición e, o ano pasado, parecía que a asociación se disolvía. Volvín a collela porque hoxe funciona moi ben e era unha pena que se acabase perdendo.