«Para un muxián, o ano comeza e remata na Barca»

P. B. M.

CARBALLO

13 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Forma parte da asociación Festas do Mar dende hai seis anos, pero colleu as rendas das festas hai tres. Jesús Sar Barrientos (40 anos) é o presidente da comisión, integrada, este ano, por sete persoas. Estes días, para eles, son un non parar.

-Describa como vive a Barca. ¿Ou non a vive?

-Todos a vivimos, pero andamos cansadísimos. Temos aínda un montón de choio esperando por nós. Estes días son un non parar, e levamos xa máis dun mes arriba e abaixo. É dicir, que as vivimos intensamente. -¿Pode falar de horarios? -Non temos horarios de empresa [ri]. Cada un déitase e levántase á hora que pode. Eu, por exemplo, o venres fun para a cama as tres e levanteime ás nove. Comín coa familia [por onte], porque aínda que me invitaron a facelo fóra, hai que aproveitar estes días e, aínda que sexa unha hora ao día, pois ter un pouco de intimidade. -É moita responsabilidade. -Moita. E tes que cumprir con ela. Por exemplo, danos bastante traballo todo o dos postos de venda. Hai algúns que teñen o seu sitio reservado, pagando por ilo, dende hai moito tempo, pero están chegando outros, aínda agora, que se apropian de calquera sitio, sen aboar nada. E iso non pode ser. -Con todo iso, defina o que é para vostede a Barca. -Non teño grandes palabras, pero como veciño de Muxía que son, penso que para un muxián, o ano comeza e remata na Barca, non o 31 de decembro. É algo esperado, a festa máis grande que temos e, vendo toda esta cantidade de xente, é tamén a festa de todos.