«A fisonomía histórica da vila mudará radicalmente»


Coa obra proxectada, a fisionomía histórica de Corcubión mudará radicalmente, e non para ben, pola necesidade de crear diques para evitar que caolín e area sexan arrastrados, e aínda así non é de desbotar a posibilidade dunha perda de calado do porto.

A marea alta deixará de chegar ós muros do paseo marítimo e mailo recheo, e desaparecerán da primeira liña as embarcacións, que ademais de compoñer un cadro pintoresco son un testemuño, como antes apuntabamos, da perseveranza nas raíces históricas da vila. Estas consideracións, unidas a outros moitos inconvenientes expostos pola Plataforma na Defensa da Ría, os partidos da oposición e maila propia Consellería de Pesca, deberían facer reflexionar moi seriamente ós actuais xestores municipais, e tamén ós veciños -ate agora maiormente pasivos-, para procurar unha modificación do actual proxecto, eufemisticamente titulado como r exeneración da praia da vila , pois acó endexamais houbo máis ca unha seca intermareal.

Por outra banda, e máis aló da rifa partidista que tanto dano está a causar ao desenvolvemento do pobo e máis á boa veciñanza, os proxectos de envergadura sempre deberían contar cunha seria base argumental, alicerzada en argumentos técnicos, e cun apoio maioritario por parte da poboación, e este non parece ser o caso.

Para deixarmos aos nosos devanceiros unha digna herdanza patrimonial, cómpre actuar con moita delicadeza, máxime nun entorno coma o que nos ocupa, para non ter que nos arrepentir no futuro. Ao respecto non quero máis que lembrar actuacións pouco caviladas no seu día, tales as do encoro de Santa Uxía ou a instalación dunha piscifactoría en Cabo Vilán, que o tempo acabou por cualificar coma un acto de barbarie e hoxe causan arrepío.

Máis vale a prudencia. Cando se fala de obras deste calibre, polo tanto, máis vale ser prudentes e procurar consensos (isto é a política), denantes que teimar en apostas de risco sen avaliar con sensatez as consecuencias.

Como remate, habería que preguntarse se onde sempre estivo o porto comercial e pesqueiro, ambolosdous practicamente inactivos, non deberíamos emprazar agora o porto deportivo, pois o espazo que se lle ten reservado (A Viña), lixeiramente apartado do casco antigo e co desdeixado e nada atractivo contorno das traseiras de modernos edificios, non parece o lugar máis idóneo nin, que diría Boris Izaguirre, glamuroso (¿onde están os portos deportivos da Coruña, Baiona e, sen irmos tan lonxe, onde estarán os futuros de Muxía e Fisterra? ¿En lugares marxinais ou na fronte histórica?).

De seguirmos co actual deseño da fachada marítima corcubionesa, elaborado ás costas da opinión pública, do sentido común e da historia, acabaremos por estragar o único pobo mariñeiro que resistiu a especulación entre A Coruña e Muros.

Antón Pombo é vicepresidente da Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«A fisonomía histórica da vila mudará radicalmente»