Carballo comeza a festa das letras

CARBALLO

O xardín municipal encherase a partir de hoxe de múltiples actividades organizadas ao redor da literatura, do audiovisual, da tradición e dos produtos da localidade

27 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hoxe comezan varios días de troula en Carballo. Ata o domingo, inclusive. Mergullados nos libros, nas palabras, na literatura en xeral, nos pinchos de verán, nas feiras tradicionais, máis aínda, no feirón e, tamén, mesmamente, nos automóbiles. Para ir establecendo unha orde, sen dúbida, habería que comezar pola Praza dos Libros, que se inaugura hoxe mesmo. Poderíase dicir dela que é iso, unha feira de obras literarias, pero non. Mestura as verbas co audiovisual, con actividades lúdicas, actuacións, imaxinación, creatividade e moita participación.

Ás 10.30 desta mañá abriranse as «portas» desta nova cita que, como Praza, xa vai polo cuarto ano. Ás once chegará ao xardín municipal -epicentro da actividade- Anxo Moure, coa súa ciclobiblioteca e contacontos ambulantes. Contos na bicicleta, o soño de moitos pequenos: a combinación máxica de dous elementos clave na infancia.

Será á unha da tarde cando se inaugure oficialmente a cita literaria. No acto estarán presentes o contador, actor e director teatral, Quico Cadaval, como pregoeiro; ademais da concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Belén Lendoiro e o tenente de alcalde, José Antonio Viña.

As sete e media, a Praza do Concello acollerá a primeira presentación destes catro días: trátase da antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario: 120 anos de poesía na Costa da Morte. Nela participarán os coordinadores da obra, Miro Villar e Modesto Fraga, que tamén estarán presentes no recital parello, xunto con outros autores da Costa da Morte. Pechará este día inaugural, de novo, Quico Cadaval, coa súa contada de historias, Fantasmas familiares.

Por diante quedan aínda tres xornadas, que encherán de vida a localidade. Para todos os públicos, dado que, por exemplo, os máis pequenos terán para eles circo de rúa e mesmo cinema infantil itinerante, ademais de, por suposto, a súa propia literatura.

Unha curta na rede

A Praza dos Libros acollerá tamén a gravación do próximo capítulo da serie de curtametraxe Para mariñeiros, nós, protagonizada por Suso Lista e Manolo de Laxe. Trátase dun capítulo onde se promocionará a lectura, o libro, a Praza, así como a feira e o pan de Carballo. Poderá verse dentro duns días no portal Youtube ou en http://paramarinheirosnos.blogspot.com/. Ademais desas dúas almas do filme, participarán na rodaxe -o sábado pola tarde no pub A Reserva e o domingo pola mañá no xardín municipal- os escritores Suso de Toro ou Gustavo Pernas.

Ao lado dos libros e de iniciativas como esta, Carballo disporá dos mellores produtos da zona, dado que a Praza coincidirá hoxe con feira tradicional de Carballo e o vindeiro domingo co Feirón de Verán -ademais de co final da Ruta dos Pinchos e con Berocasión-. Os libros mercados nesa mañá do último día serán agasallados cun pan e, durante os catro días, ademais de contar cun desconto do 10%, acompañaranse dun exemplar de Alba de Gloria ou de Víspora de San Xuan.