«O segredo de Leilía é ter bebido da xente maior»

Mar Varela

CARBALLO

Este consolidado grupo e moitos outros actuarán esta noite na undécima Festa Folk de A Anchoa, en Fisterra

22 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Son varias mulleres, pandereteiras, marcadas pola Compostela da tradición, máis tamén polos tempos de hoxe. Todo iso imprímeno nos seus traballos. Cunha traxectoria de case 20 anos sobre os escenarios, esta noite, a partir das 22.00 horas, chegarán á Festa Folk de Fisterra. Monserrat Rivera dá unhas pinceladas sobre esta formación musical.

-Leilía naceu xa no ano 1989. Cinco mulleres. ¿Foi máis difícil por iso?

-O que foi complicado foi achegarlle a nosa proposta á xente, independente de que fósemos mulleres. Vinte anos despois, todos recoñecen o que é unha pandeireteira e sábese que esa é a música deste país, pero daquela, cando dicías que tocabas a pandeireta, mirábante un tanto estraño. Esa foi a dificultade: introducir a nosa proposta en escenarios de música folk, á par dos outros grupos.

-Na súa orixe traballaban cantos exclusivamente tradicionais, pero logo houbo unha evolución. ¿Foi complicado ese cambio?

-Todo cambio é complicado, pero digamos que non se pode estar 20 anos facendo o mesmo. A propia traxectoria do grupo che leva a buscar novos camiños. É un proceso natural. De todos modos, Leilía non deixa a súa parte máis tradicional, aínda que teñamos dous apartados: por unha banda, un espectáculo onde tocamos as cinco ou as seis, dependendo do momento, nunha conxunción de pandeireta, voz e percusións, e logo tamén temos Leilía con banda, que é o que presentaremos hoxe en A Anchoa (Fisterra).

-¿Cal é a diferenza?

-En Leilía con banda imos acompañadas de cinco músicos, xa hai arranxos, é algo máis actual, máis festeiro. Hai máis experimentación.

-O escritor Suso de Toro cualificounas como voces secretas do canto galego. ¿Cal é ese segredo?

-Ter bebido da xente maior. Son as mellores fontes para unhas pandereteiras. Todo o que aprendemos foi a base de escoitalos e pasar moito tempo con eles, coas súas vivencias, de forma natural.

-¿Que balance fai Leilía destes case 20 anos enriba dos escenarios?

-Moi positivo. O grupo nace co obxectivo de achegar cantos esquecidos á xente de Galicia, facer diso parte da nosa historia actual. Ese obxectivo, despois de 20 anos, está case conseguido. Ademais, o poder dicir que levamos case media vida xuntas.

-¿Que lles espera hoxe aos que se acheguen ata A Anchoa, en Fisterra?

-Comezaremos con temas tradicionais, para non esquecer de onde vimos, e logo xa entrarán os nosos músicos. Esperamos que a xente o goce, como nós tamén facemos vendo á xente animada.