«Ardebullo pode estar en calquera punto de Galicia»

Mar Varela / M. C. Rama

CARBALLO

Malpica acollerá esta noite a actuación de Mucha e Nucha, as integrantes dun dúo nacido xa fai sete anos

21 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Practicamente non hai unha casa galega que non as coñeza, e esta mesma noite, ás 23.00 horas, chegarán a Malpica. Elas son as Cantareiras de Ardebullo, mais en realidade son Marcos Pereiro, Nucha (28 anos) e Xosé Antonio Touriñán, Mucha (29), Os dous de sempre. Fixéronse especialmente populares a partir do 2007, debido á súa aparición no programa Luar da TVG, aínda que estes dous amigos xa tiñan experiencia no mundo do faranduleo. Mucha estivo onte en Radio Voz Bergantiños para dar algunhas claves do seu traballo.

-¿Como un filólogo remata por meterse no mundo da comedia?

-Porque o mundo da filoloxía está un pouco complicado. O da comedia e da televisión tamén, pero a vida vai levando por aí e, a verdade, foi un pouco por casualidade.

-Actuaban xa moito antes con outros nomes, pero ¿como nacen Mucha e Nucha?

-Pois a verdade é que case foron as primeiras. Creouse este dúo fai sete anos e pico, no Día das Letras Galegas de Carral. Un amigo encargáranos unha actuación, xuntámonos e foi aí.

-A indumentaria é unha das vosas claves. ¿Roubada da avoa?

-Roubada, non, en tal caso prestada. Algún día se lle devolverá, supoño. É da avoa, da tía, os calcetíns do pai... O vestiario moi caro non saíu, pero as nosas roupas teñen historia: o manto que leva Marcos xa debe ter preto de cen anos.

-Fai uns anos actuaban en Carballo como as Cantareiras de Berdillo. ¿Foi tan malo o trato para que agora cambiasen o nome?

-A verdade é que nós estabamos encantados. A Carballo e a toda esa comarca témoslle moito cariño: nos inicios foi unha das zonas onde máis bolos fixemos. Chamabámonos así porque cando a nai de Marcos nos viu con esa roupa dixo: «Mira, as cantareiras de Berdillo». Pero logo de coincidir coas de verdade, para evitar erros, pasámonos ás de Ardebullo.

-¿Onde está ese lugar?

-É difícil localizalo no mapa, pero pode estar en calquera punto de Galicia, en todas partes.

-¿Como se chega ao consenso nos guións?

-O punto de Mucha e Nucha está bastante collido e o traballo vai saíndo. Ás veces os guións son por consenso, pero outras veces fágoos eu ou Marcos.

-¿Haberá sorpresas esta noite en Malpica?

-Coas Cantareiras de Ardebullo hainas sempre, pero non se poden desvelar ata o propio momento de actuar.