«Ten que ser a xente da Costa da Morte a que lle dea valor ao noso»

CARBALLO

Leva anos publicando versos e rescantando poetas cos seus traballos e a semana que vén presentará unha antoloxía, con Modesto Fraga, de autores da comarca

05 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Miro Villar González (Cee, 1965) é escritor. Poeta e investigador literario e un gran coñecedor da literatura da comarca. Traballa como profesor no IES Fin do Camiño de Fisterra e acaba de publicar unha biografía sobre o poeta laxense Antón Zapata. Agora xa anda noutra cousa. A semana que vén presentará unha obra, coeditada por Sotelo Blanco e por Neria, que recolle, ao longo de 300 páxinas, unha antoloxía de poetas da Costa da Morte. Titúlase De Pondal ao Batallón Literario, 120 anos de poesía na Costa da Morte , un traballo coordinado con Modesto Fraga. No seu haber figuran, de feito, un bo número de obras, algunhas delas traducidas a outros idiomas. Pero non é só un autor prolífico, senón tamén moi laureado.

-Hai pouco sacou un libro sobre Zapata. É un autor descoñecido para a gran maioría dos lectores. ¿Cantos máis hai nesa situación na Costa da Morte?

-A pregunta espero respondela coa antoloxía que presentaremos a semana que vén, pero desde Pondal ata hoxe hai moitos escritores que se poden considerar autores menores. Por exemplo o muxián Victorino Abente, familiar de López Abente. Non hai ningún estudo sobre el. -E casos como o seu, ou semellantes, ten que haber máis. -Por exemplo Caamaño Devesa, escribiu Marisqueira , un libro publicado que ninguén localizou. Sábese que existe porque hai referencias a el na prensa en Bos Aires, pero ninguén o atopou. Outro poeta que ninguén estudou é Evaristo Martelo Paumán, que foi señor das torres de Vimianzo, da época de Pondal, e que ten varios libros, ou Teodoro Morgade, de Baio, un moi bo poeta, aínda que con pouca obra. Suicidouse con 20 anos na praia do Orzán nos anos 30. Uns amigos seus de Baio editaron un folleto, pero é o único que hai. De Baio tamén é Collazo, que non publicou libros, pero si en revistas. -¿Que é o que o move a estudar aos autores da comarca? -Para min é unha obriga. Eu creo nas identidades e creo na identidade da Costa da Morte. Se non o estudamos nós, ¿quen o vai a estudar? Moitos son autores de dimensión local, aínda que desde Faulkner o local transcende ao universal. -De todos os escritores da Costa da Morte que atopou nos seus estudos, ¿cal lle chamou máis a atención? -Sorprendeume moito Antón Zapata, pero todos teñen cousas boas. A poesía de Zapata empeza sendo máis pondaliana, pero despois ten voz propia. Din que o poeta do mar é Manoel Antonio, pero tería que ser Zapata. Marchou a Bos Aires con 17 anos, pero é sorprendente o léxico mariñeiro que manexa. -¿Ata onde chega a antoloxía que presentarán a vindeira semana? -Chega ata o 2006 e acaba con María Lado, pero desde aquela hai máis poetas, como Diego Cousillas, Diana Varela, Alberto Lema ou Abel Mendes. Falta por escribir o futuro. -¿A que outro autor lle gustaría meterlle o dente? -Agora ando con outras cousas, pero si me gustaría estudar a Victorino Abente. É difícil, porque non hai moitos textos e en Paraguai é difícil investigar. -¿Quedan moitos autores descoñecidos na literatura galega? -Na literatura galega hai grandes xenerais, pero tamén unha tropa de soldados. Para que haxa grandes figuras ten que haber un humus. É falso o que se di de que cada ano é máis difícil atopar a quen dedicarlle o Día das Letras Galegas. -¿Algún da comarca aspira a esa honra? -Da Costa da Morte xa foron Pondal e López Abente. En Labarta Pose pensouse este ano, é sempre un dos candidatos e merece que se lle dedique un Día das Letras Galegas. -¿É moi complexo poñer en marcha unha investigación sobre un escritor doutra época? -Si o é porque os fondos están moi dispersos. Ao traballo de Zapata dediqueille dez anos. Antes calquera xornal tiña unha folla literaria e hai que rastrexalo todo para atopar un poema ou un artigo. Por exemplo, na revista Caras y Letras , publicada en Arxentina e que se editou durante anos, tiven que buscar en papel en toda a colección para atopar só tres poemas en castelán. Agora coa dixitalización de arquivos é moito máis fácil. O Consello da Cultura Galega está a dixitalizar todo o arquivo da emigración, aínda que moitos fondos perdéronse. -¿Hai interese na Costa da Morte por recuperar o seu pasado literario? -A Costa da Morte ten a fortuna e a desgraza de ser a periferia da periferia. Temos pouca poboación e pouca poboación ilustrada, e iso vai en contra de que se valore máis o que temos. Hai xente aquí que está traballando, pero ten que ser a xente da Costa da Morte quen lle dea valor ao noso. De pouco serve un estudo sobre Zapata se en Laxe non lle dan importancia. Con menos razón vaille interesar a un de Vigo. E iso faise extensible á cultura. Canto tempo levamos pedindo a posta en valor de Dombate, da cultura mariñeira, do megalitismo. -A investigación semella ser un traballo moi solitario. -Na investigación sénteste só. Son moitas horas de traballo e ás veces a recompensa non chega. -¿Hai fondos que consultar na comarca? -Para atopar cousas da Costa da Morte tes que saír fóra. Para min, un dos principais problemas con López Abente foi que os papeis botáronse a perder cando a xente de arredor del non lles deu importancia. -¿En que anda traballando agora? -Estou preparando a edición dun libro inédito de López Abente, Bretemada . -Debe ser moi gratificante dar cun manuscrito inédito. -Si que o é, pero tamén é un arma de dobre fío. Como autor penso que se non o publicou en vida, por algo sería, o mesmo que as cartas. A miña alma de investigador dime que hai que sacar todo ao aire. Se atopase cartas íntimas sería marabilloso, aínda que como autor pense o contrario. -¿De onde lle ven o amor ás letras galegas? -Antes de ser filólogo xa publicara a primeira antoloxía de López Abente. A ese autor introduciume Manolo Vilar. Foi o primeiro estudo que publiquei, e seguiron moitos. -¿Que é o que máis lle gusta do traballo de escritor? -O que máis pracer me da é ir, como fun hai uns días, a un colexio a falar cos nenos sobre un libro meu de literatura infantil que leran. Os nenos o cuestionan todo e non teñen o rollo hipócrita dos maiores, non perderon a inocencia. -¿Cando un novo poemario?

-Para fin de ano, un caderno de viaxes sobre a Bretaña.