«Co paso do tempo fomos abrandando moito o estilo da nosa banda»

L.G.

CARBALLO

16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A mítica banda Zenzar actuará esta noite na cidade herculina onde presentará o seu último traballo discográfico, A Tribu. Manolo García Sánchez (A Laracha, 1968) é o batería e un dos fundadores do grupo, que encheu moitas salas de festas e locais da comarca.

-Definen a súa música como «rockeira, con arroutadas punkies, heavies e tradicionais» .¿Non será moita a mestura?

-En realidade trátase da evolución do grupo. Cando comezamos eramos máis duros, co paso do tempo fomos abrandando o estilo da nosa banda. Agora temos un aire moito máis rockeiro, pero tamén nos gusta darlle a algunhas cancións pinceladas tradicionais. O folk gústanos moito.

-Levan máis de 20 anos como banda. ¿Como avalía todo este tempo?

-Neste tempo houbo de todo, cando fundamos o grupo pasou o que lle pasou a todo mundo naquela época, ao principio andas máis pola cesta que pola música, pero agora as cousas son completamente diferentes. Antes montábanse os grupos e despois aprendíase a tocar. Nós fomos tirando ata chegar ata a actualidade, que somos moito máis profesionais ou iso é o que perseguimos. A nosa filosofía segue sendo a da festa, aínda que xa non se pode saír tanto como antes.

-¿Que proxectos teñen en marcha?

-De momento, estamos centrados no noso novo disco, temos algunha actuación, aínda que centraremos a xira de presentación do álbum para despois do verán. Este ano non nos tocou preparar moito máis.