Unha longa viaxe á escola dos avós

Luisa Gutiérrez

CARBALLO

O Labarta Pose acolle ata o próximo 14 de maio unha mostra promovida polo Museo Pedagóxico de Galicia na que se recrea unha aula da época do franquismo

08 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O colexio Labarta Pose de Baio, que conmemora o seu 35 aniversario, recibiu un regalo que tanto os profesores como os alumnos non poderán esquecer. Os primeiros polos recordos que lles trouxo mentres que aos cativos puideron entrar nun mundo descoñecido do que, seguro, escoitaron moitas historias. Trátase da aula móbil do Museo Pedagóxico de Galicia, que recrea unha escola do franquismo.

Os pupitres de madeira, os tinteiros e as plumas, o crucifixo ou retrato do ditador Francisco Franco son símbolos dunha longa infancia que marcou aos cativos da época. Todo isto e máis pódese atopar nunha sorprendente exposición no colexio de Baio, pola que ademais dos nenos do centro, están pasando rapaces de toda a Costa da Morte. A moitos escolares custoulles crer que a realidade supera a ficción, tras coñecer que aula itinerante do Mupega non é parte do escenario da serie televisiva Cuéntame, senón que forma parte da historia dos seus pais e avós.

Con esta iniciativa, a entidade pretende achegarse aos alumnos coa idea de amosarlles a diferenza entre a educación dos seus antepasados e a que eles mesmos están a recibir na actualidade. Forma parte dun gran túnel temporal e de conexión entre varias xeracións a través do material da época, os libros ou os mapas que son as mellores testemuñas do paso do tempo.

Visita

Os nenos de cuarto de primaria de Baio tiveron a oportunidade o mércores de deixar voar a súa imaxinación e de converterse nos mestres que se situaban no alto do estrado para impartir as leccións aos seus alumnos e que utilizaban a longuísima regra para as súas explicacións ou para algúns outros fins que hoxe en día xa non se consideran didácticos. «Mira que longa era, non sei que medía con isto», dicía con inocencia un dos cativos a un compañeiro durante a visita.