A importancia das fragatas e o papel xogado pola inglesa «Endymion» no ataque a Cee e Corcubión
CARBALLO
No século XVIII as fragatas comezaron a vivir o seu apoxeo en todas as marinas. Buscábase un barco robusto e cun considerable poder ofensivo, pero máis doado de manobrar e máis rápido que os grandes navíos de liña. A fragata era por tanto un navío de menor porte cunha soa batería. O seu aparello era semellante ao dos grandes navíos: tres paus e todos con velas cadradas, salvo a traseira do pau de mesana.
As fragatas tipo de principios do século XVIII desprazaba habitualmente entre 200 e 300 toneladas, e ían armadas de 30 a 40 canóns. Máis tarde aumentaron a súa tonelaxe e armamento, e practicamente chegaron a igualar aos navíos de liña menores, cando comezaron a montar unha segunda batería.
A finais do século XVIII e principios do XIX aumentaron o seu desprazamento ata as 800 e 1.200 toneladas, converténdose nas unidades principais de calquera armada.
Exemplo destas últimas é a HMS Endymion , construída nos asteleiros de John Randall & Company sitos na vila de Rotherhithe (Londres) entre 1795 e 1797. Esta fragata dotada con máis de 40 canóns e cabida para máis de 300 mariñeiros é o resultado dunha copia mellorada da fragata francesa Pomone , capturada pola Royal Navy en 1794. Coas modificacións introducidas chegou a converterse no navío de guerra de máis manobrabilidade e rapidez da época, chegando a acadar practicamente os 27 quilómetros á hora. Polas súas dimensións, preto de 50 metros de eslora, 13 metros de manga, catro de calado, e volume e 1.277 toneladas, debía de causar unha fermosa imaxe fondeada nas nosas augas. Contaba para a defensa con 26 canóns de 18 libras na batería, 14 carronadas de 32 libras no alcázar (parte central do buque) e finalmente, no castelo (parte da proa) levaba 4 carronadas de 32 libras e dous canóns de nove libras.
A carronada era un tipo de canón ideado polo inglés Boyne e fundido en Carron (Escocia). En comparación cos canóns normais era de fácil manexo, maior calibre dos proxectís, menor risco para os manipuladores en combate, podendo facer con el un fogo máis vivo e mellor dirixido. Pola contra, tiña menor alcance e deterioraba en parte as cubertas dos navíos como consecuencia dos disparos.
De activa presencia nas guerras napoleónicas, a Endymion participou, xunto con outros buques, na repatriación das tropas inglesas de Moore tras a derrota na cidade de A Coruña. Ao seu mando estaba o capitán Capel, oficial de ampla traxectoria, tendo incluso participado na batalla de Trafalgar dirixindo outro barco da Real Armada Británica, o HMS Phoebe.