Na tarde-noite do 12 de abril, algo menos de mil franceses, entre infantería e cabalería, atravesan Ponte Olveira sen atopar apenas resistencia. Mentres, as tropas españolas non se reúnen entre Baíñas e Olveira ata a mañanciña do día 13, e non chegan ata a Costa da Armada, en Cee, ata as catro da tarde. Así , para percorrer os aproximadamente 14 quilómetros que distan de Baíñas e Olveira a Cee, os nosos soldados tardaron máis de oito horas en chegar e cando o fixeron foi para contemplar, desde o alto do Monte da Armada, como ardían varias edificacións das vilas de Cee e Corcubión.
¿Que fallou para que contando con suficientes medios materiais se chegase finalmente a un resultado tan pouco favorable para os insurrectos? Un cúmulo de circunstancias alentadas pola inexperiencia e o descoñecemento do perigo co que actuou en todo o momento a Xunta de Defensa, que finalmente só tivo habilidade para escapar e poñerse a salvo. Pensemos que a estratexia foi moi desacertada e esta concretouse en varios erros de bulto:
Primeiro, que para a defensa de Cee Corcubión contaban con tres canóns nos que estaban á fronte cinco artilleiros, sen persoal de apoio para unha maior rapidez nas recargas e sin infantería que os protexese. Loxicamente, cando os artilleiros viron que se lles viñan enriba as tropas francesas «por no morir, pues no había otro remedio, clavaron los cañones y escaparon».
Segundo, que o servizo de espionaxe foi moi defectuoso e por iso as tropas de Lapido, Pizpiero e Caamaño actuaron sempre a remolque dos franceses.
Terceiro, as forzas humanas e materiais coas que contaba a xunta eran moi numerosas, pero estaban moi mal distribuídas. O feito de montar o cuartel xeneral na vimiancesa localidade de Paizás, lugar moi alonxado pois das vilas ameazadas e coas avanzadas en Baíñas e Olveira, lugares que podían ser superados ou rodeados sen gran esforzo, foi outro erro de gran importancia, xa que facilitoulle sobremaneira o traballo ás tropas napoleónicas que tomaron Cee e Corcubión sen grandes esforzos.
Moito retraso
En cuarto lugar, e derivado do anterior -e para acrecentalo máis, se cabe-, está a lentitude dos movementos das nosas milicias. ¿Como se explica, se non, que dende a media noite do 12, cando toca a campá e disparan un canonazo dende Corcubión avisando á poboación civil do perigo que se aveciñaba, as tropas non cheguen en auxilio das vilas ata as catro da tarde do día seguinte?
Finalmente, outro dos erros foi a total falta de instrución e disciplina por parte dos paisanos que constituíron a alarma, tanto no emprego de movementos tácticos como no uso de armas de fogo, esgotando as súas municións antes de que os franceses estivesen a tiro.