En 1809 as tropas napoleónicas atacaron, por dúas veces, as vilas de Cee e Corcubión, que presentaron unha feble defensa
15 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Dentro do contexto da ocupación da Península Ibérica polas tropas de Napoleón, Galicia non debía ser, en principio, un importante problema para un dos mellores exércitos da época (la Grande Armée). Pero a información cartográfica e sociolóxica que manexaban os altos mandos franceses non era a axeitada e isto deu lugar a que o que tiña que ser pouco menos que un paseo militar se convertese, finalmente, no principio do fin da hexemonía gala na Península.
Napoleón pensaba que o territorio galego estaba ben comunicado e que as súas dimensións permitirían, unha vez sometido a totalidade do mesmo, un control fácil a cargo dun destacamento militar que se asentaría na cidade de Lugo. Outro erro que cometeu Napoleón foi pensar que sería doado atraer á súa causa ó clero e que así tería o camiño libre para unha ocupación rápida, pero cando as tropas francesas chegaron a Galicia pronto viron que as súas premisas iniciais estaban bastante alonxadas da realidade.
As tropas francesas chegaron a Galicia a primeiros do ano 1809 en persecución do exército británico de Moore. A finais de decembro do ano 1808, Napoleón atópase en Astorga e dende alí planea a invasión de Galicia que correría a cargo do mariscal Soult, mentres que as tropas do mariscal Ney completarían o labor de pacificación.
Batalla de Elviña
En Astorga, as tropas de Moore atopáronse co que quedaba do exército español comandado polo Marqués de la Romana, pero nin españois nin ingleses foron capaces de facer fronte ás tropas francesas. Na súa retirada, o exército inglés foi derrotado na cidade da Coruña (batalla de Elviña o 16 de xaneiro de 1809), mentres que La Romana se retira á zona sur da provincia ourensá, preto da fronteira portuguesa.
Retirado o exército inglés de Galicia, a ocupación e capitulación das principais cidades galegas polas tropas napoleónicas fíxose en pouco máis de dúas semanas. Así pois, rendida a cidade de A Coruña, as demais foron caendo sen dificultade para as tropas francesas: o xeneral Franceschi, pertencente á división do mariscal Soult, toma Santiago o día 17 de xaneiro e catro días despois cae Padrón. A ela seguiranlle Caldas e Pontevedra (a entrada na cidade do Lérez o día 26). O día 30 os franceses toman Redondela e o día seguinte cae Vigo.
Poucos días despois, o 3 de febreiro, toman Tui e xa controlan a fronteira portuguesa. Na zona norte de Galicia a ocupación tamén foi rápida: Lugo foi ocupada o 9 de xaneiro e Betanzos o día 11. Unha vez capitulada a cidade herculina, Soult decide tomar Ferrol, feito que consegue o día 26. As tropas de Ney, pola súa parte, ocupan Ourense o día 20, toman Mondoñedo o día 24, Ribadeo o 25 e Viveiro o día 28 de xaneiro.
Salvo no caso coruñés, a resistencia que atoparon as tropas francesas para ocupar as cidades foi escasa. As autoridades civís tiveron en conta que sen un exército no que apoiarse non podían facer fronte ás tropas de Napoleón e entregáronse sen condicións.