O asentamento das tropas galas en Cee e Corcubión

La Voz

CARBALLO

15 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ben cedo, despois da súa rápida ocupación militar polo territorio galego, temos noticias da presenza de tropas francesas en Cee e Corcubión, xa que é a finais do mes de xaneiro cando un pequeno destacamento de infantería correspondente ó VI Corpo do mariscal Ney, procedente de Santiago, se instala nas nosas vilas.

Estaba formado por preto dun cento de infantes que permanecerán durante todo o mes de febreiro para volver á cidade compostelá a primeiros do mes de marzo, aínda que na súa retirada desplazan unha pequena guarnición á vila de Camariñas. A súa petición non é moi diferente á que fan noutros lugares: miles de racións de pan, carne e viño, así como orxo e palla para os seus cabalos. A este material de intendencia sumaríaselle a cantidade de 20.000 reais en concepto de imposto .

Con este panorama, o Concello de Corcubión envía a primeiros do mes de febreiro a Cayetano Melgar como comisionado co fin de entrevistarse co Marqués de la Romana, naquel intre o responsable do exército español acantonado en Galicia, como xa comentamos con anterioridade. O obxecto da entrevista era o de obter axuda militar e recibir instrucións de cómo actuar diante das peticións francesas. Como pasaban as semanas e non se tiñan novas de Melgar, e pensando que este fora interceptado polos franceses, o Concello envía a outro veciño, neste caso, Domingo Trillo, con idéntica misión. Entretanto, no regreso de Melgar, este foi, feito prisioneiro polas tropas francesas que estaban cos preparativos para retornar a Santiago. Tiñan pensado levar a Melgar e a outro prisioneiro, de nacionalidade inglesa, con eles, pero a inesperada acción dalgunhas mulleres de Corcubión opoñéndose ós soldados tirándolle pedras fai que estes desistan e liberen aos prisioneiros.

19 de marzo de 1809

O 19 de marzo de 1809 chega a Corcubión Domingo Trillo cun oficio do coronel Carbajal, Xefe do Estado Maior das tropas españolas a cargo do marqués de la Romana, con claras indicacións de que se «molestase a los franceses con todos los medios a su alcance». Tan so, dous días despois, voluntarios de Brens e Pereiriña reúnense en Corcubión solicitando avituallamento e municións para enfrontarse ás tropas francesas.

Este día, o 21 de marzo, o Concello de Corcubión declarase en «aberta rebeldía» contra o invasor francés e, recoñecendo nun primeiro intre a necesidade de mandos militares, envía a Vicente Aldao, cura de Santa María de Salto (Vimianzo), para unha nova entrevista con La Romana. Esta non tería lugar, unha polas dificultades que o eclesiástico atopou no seu camiño, cheos de espías franceses, e outra porque La Romana emprendeu viaxe a Oviedo a finais do mes de marzo.

Tamén o Concello busca a axuda das fragatas inglesas e despois de doce días de fallidos intentos, conseguen contactar co buque Endymion que se presta a ofrecerlles axuda e asesoramento. Ademais, un dos mariñeiros desta fragata británica, Basil Hall, deixou constancia das súas vivencias en Corcubión na obra Fragments of Voyages and Travels , o que supón poder contar con outro punto de vista de cómo sucederon realmente os acontecementos ó marxe da versión oficial, loxicamente partidista, en varios aspectos, que ten ofrecido a propia Xunta corcubionesa.

Nun primeiro momento, o Concello de Corcubión creara unha Xunta de Defensa formada polos propios membros do Concello xunto co alcalde de Cee, o xuíz de Fisterra e outras personalidades da comarca, pero aos poucos días foi disolta polo pobo que non quere recoñecer máis autoridade que a do concello. Elixen como xefe da alarma a Pedro Lapido, cura de Santa María de Morquintián, quen, de carácter autoritario e dinámico, era moi apreciado na comarca. Como segundo xefe militar elixen a Juan Domingo Pizpiero, cura do Ézaro, sendo os demais integrantes da alarma corcubionesa os membros do concello: o alcalde, Bartolomé Figueroa e Porrúa; o seu fillo, Antonio Figueroa; Antonio Loira y Castromayor; Ángel Escaja, como secretario, e Francisco Montenegro, tesoureiro.

Voluntarios sen preparación

Nunha primeira reunión, Lapido, expuso con claridade a realidade á que se ían enfrontar (o mellor exército do momento) e que para ilo non contaba máis que con moita xente voluntaria sen preparación e sen armamento, aínda que esta cuestión solucionaríase nos seguintes días.

O perigo só podía vir de Santiago, xa que o río Xallas, sen a ponte do Ézaro, era un obstáculo moi importante para as tropas francesas. Polo tanto, planea defenderse en Ponte Olveira, a bastante distancia de Cee e Corcubión. De terse executado correctamente o seu plan e presentado batalla real ás tropas francesas, é posible que o resultado final fose algo diferente, pero o certo é que os franceses non atoparon resistencia en Ponte Olveira, como veremos máis adiante.