«Sempre penso en Muxía»

CARBALLO

O vindeiro xoves presentará no salón do voluntariado da súa vila natal un libro do que espera que se converta nunha referencia sobre o municipio da Virxe da Barca

08 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Manuel Martín Gómez, de 63 anos, abogado e profesor universitario dende hai 20 anos (ensina Dereito Mercantil en Económicas e Empresariais en Santiago) acaba de repoñerse dun bo susto, do que xa se recupera satisfactoriamente. Días atrás sufríu un infarto. Foi, como el di, un toque de atención que lle obligará a replantexar algunhas cousas. Pode que fale delas o vondeiro xoves, cando acuda á súa vila natal (de alma e de corazón), Muxía, para presentar o seu libro Sempre en Muxía . Será o xoves, día 12, ás 19.30 horas, no salón do voluntariado.

-Antes de nada: ¿Como se atopa?

-Ben, recuperándome ben. Penso que pequei algo de egoísta laboralmente. A profesión lévoa na alma, loitei moito por ela, con tantos anos de traballo, e chegoume este infarto de miocardio traicioneiro, unha chamada á orde da propia natureza. Un amigo médico mandoume ao hospital para entrar por urxencias. Unha arteria do corazón estaba obstruída e cheguei a tempo. Agora circula como circulaba e puxéronme unha ponte de seguridade que, ogallá Deus me dea moitos anos de vida para seguir facendo o que facía. Pero, profesionalmente, os meus fillos xa colleron a testemuña no despacho. Eu non o abandono, pero tereille máis querencia á miña vida, poder disfrutar dos netos, e seguirei no despacho, pero non coa vehemencia e contundencia co que o facía ata o de agora.

-A parte «boa» disto, por dicilo dalgún xeito, é que un decátase dos amigos que ten. Moitas chamadas tería.

-Si. Un dos mellores patrimonios que teño, e a xente que me coñece sábeo, e sabe que non falo cara a galería, é que o mellor patrimonio, aparte da miña familia, son os meus amigos. Eu, endexamais pensei que que podería ter tantas chamadas de xente que se interesase polo meu estado físico, preocupándose por min. Foi unha alegría tan grande, a xente que se molestou para saber como iba a miña saúde. É algo que agradezo moitísimo. O valor moral das cousas non ten prezo, e os amigos non se poden esquecer.

-Vostede ten traballado moito por Muxía.

-Eu, paralelamente ao meu traballo profesional, sempre tiven un afán de servizo á miña terra, a Muxía. Dende sempre tiven unha idea fixa: facer algo polo meu pobo. E sempre que teño oportunidade de facer algo, fágoo. Co trofeo de fútbol, por exemplo, conseguindo material, relanzando o clube, traendo equipos de solera, todos de maneira voluntaria, sen contraprestacións, altruistamente. Viron que a miña causa era normal, con proxección social.

-¿Como empezou iso?

-Pola precariedade daqueles primeiros tempos. Eu tiven que alternar a carreira co traballo. Son dunha modesta familia de sete irmáns, coa sorte de ter uns pais prohomes, que a todos nos deron unha educación básica moi boa, dentro das súas posibilidades. Eu xa daquela me dixen que, se no futuro podía axudar á xente, á educación dos rapaces, para libros, para o que fose, que o faría, cunhas becas anuais, primeiro puntuais, co que poidese. A educación é o mellor lanzamento obxectivo que un pode facer.

-¿E para o futuro?

-A miña idea é crear unha fundación, a Fundación Manolo Martín. Para apoiar a xuventude, o medio ambiente... Todo o que estea relacionado co meu pobo e coa Costa da Morte. E tamén me gusatría facer, por exemplo, cursos de verán da Universidade. Pero, non buscando un nome ou unha solemnidade. Facer algo obxectivo, en silencio, e ogallá outros emulen a miña iniciativa e me sustituísen nun momento determinado, axudándonos todos un pouco.

-Con todo isto, ¿que tal se sente tratado polo Concello ou polo goberno de Muxía?

-Prefiro non falar nese sentido. Eu fago as cousas porque me saen da alma. Fágoas polo meu pobo. Agora, valorar o que pensan uns e outros, déixoo ao seu libre arbitrio, xa non merece nin comentario. Fago as cousas porque quero, porque me sinto realizado. O que valoren terceiros, pode haber reaccións de toda orde, xustas ou inxustas.Sse me merezo reproche, aceptareino.

-Sabe que se falou moito da escultura.

-É outro tema do que prefiro non falar, pero sí facer un matiz. A escultura non é de Manolo Martín. É obra dun gran galego, premio Castelao, medalla de Galicia. Moitos galegos estamos orgullosos del. Esa pedra situada na entrada da Cruz non é de Martín. É de Manuel Mallo, escultor de categoría, que rematou antes da súa morte unha torre da Sagrada Familia de Gaudí en Barcelona. E esa pedra é unha motivación do pobo agradecendo a dous equipos de fútbol, o Real Madrid e o Compostela, que viñeran a Muxía. Foi unha xornada deportiva e solidaria, para apoiar á nosa xente de Muxía, non a min. Para apoiar ao pobo. E que isto poida xenerar algunha dúbida... A pedra non lle fai dano a ninguén. Está alí, é de todos, e lembra un evento triste, como foi o Prestige , e o posterior apoio de quen veu a axudar á xente de Muxía, a fillos de mariñeiros afectados.

-¿Por que o libro «Sempre en Muxía»?

-Dise que hai que deixar algo escrito de aquilo que se quere. Teño unha frase grabada en ouro no meu corazón, un lema de vida interior: gratitude imperecedeira na memoria do meus pais. Estou felizmente casado, teño tres fillos, dous son abogados e a outra fixo farmacia. Teño dous netos. Son membro da Orde do Camiño, fixen unha parte del, prantei unha árbore e agora tocaba facer o libro. Xa di o outro: podes morrer tranquilo. Penso que non é un libro calquera. Ten moitas instantáneas, con porólogos importantísimos. Un deles faino a máxima autoridade intelectual no Camiño, galeguista de pro. Outro, o meu amigo Baldomero Cores. Danlle un empaque especial. E o de Sempre en Muxía é porque sempre penso en Muxía, ogallá outros fixesen o mesmo. Quixen facer un percorrido polas igrexas, as corredoiras, os hórreos, as pistas, praias, o santuario da Barca, a Ferida , as ondas, Buítra, Nemiña e outros extremos que fan que ese libro poida ser un referente institucional de Muxía importantísimo. E hai tamén unha connotación intelectual suprema, coa obra de Rosalía, Cunqueiro, e especialmente, que chamará a atención, de Lorca, que ten algo sobre Muxía, ademais de Gonzalo López Abente. E Sempre en Muxía queda condensado o pensamento da xente que pensa por e para o seu pobo. Creo que vai gustar.

-¿É reflexivo, de memorias..?

-É descriptivo, alegre. Creo que o propio lector pode sacar moitas conclusións.

-¿Mantén uns vínculos constantes con Muxía?

-Si, persoais, familiares e tamén profesionais. A Corcubión, felizmente, acudo moito porque teño traballo nos concellos dese partido xudicial. Cando vou a Muxía vou ver a costa do mar muxián e levo un remuíño de aire fresco para que a vida continúe.

-¿Algunha vez pensou dedicarse á política?

-Xa estiven nela. No ano 1985, de candidato no equipo de Adolfo Suárez. Foi unha experiencia boísima. Entrei na política porque me chamaron. Fai pouco, meu irmán Rafael fíxome un regalo boísimo, unha gravación cos discursos daquela época, cunha música excepcional de fondo. Eran tempos tranquilos, non de tanta complexidade política como os de agora.