«O día que deixas de saír na televisión a xente xa non se acorda de ti»

Luisa Gutiérrez

CARBALLO

14 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O humor é a súa filosofía de vida. Germán Martínez Traba (Fisterra, 1981) é un cómico da Costa da Morte que intenta abrirse paso no difícil mundo do espectáculo. A fin de semana pasada actuou na sede da nova asociación Crus de Baixar, pero non foi ese o único acto, xa que o actor ten xa un bo camiño percorrido no mundo das artes escénicas.

-¿Por que é tan complicado vivir das artes en Galicia?

-Eu diría que é case imposible, a non ser que teñas un bo padriño, para que o público se fixe en ti. Hai moitísima xente que nace con talento e que busca o seu lugar, pero temos moitas carencias e moito camiño por percorrer. Debería haber máis axudas ou cursos de formación para os que queren empezar nisto.

-¿Cre que os monólogos son a mellor forma de chegar á xente?

-A verdade é que a xente gústanlle moito, pero é un xénero do que non podes abusar, xa que cansa ao intérprete porque os temas son moi recorrentes. Neste momento, gustaríame facer algo de teatro ou cine.

-A súa aparición televisiva abriulle moitas portas...

-A verdade é que si, pero o certo é que todo o que estou facendo chegou ata min sen buscalo demasiado. Esta profesión gústame moito, pero non arriscaría todo por ela, porque é bastante efémera. O día que deixas de saír na televisión a xente xa non se acorda de ti.