«Queremos realzar a figura de Ramón Caamaño»

E. E.

CARBALLO

A asociación muxiana organizou o certame fotográfico que leva o nome do coñecido artista

18 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación muxiana Punta da Buítra organizou este ano -e van 16- o certame fotográfico Ramón Caamaño. O concurso ten un carácter especial, porque este ano Caamaño cumpriría o seu centenario. O presidente da entidade, Gerardo Haz (Muxía, 1963), ten clara a relevancia do fotógrafo que foi testemuña privilexiada de boa parte do século XX na Costa da Morte.

-¿Que busca Punta da Buítra con este certame?

-Máis que resaltar o nome de Punta da Buítra, o que queremos é realzar a figura de Ramón Caamaño como artista, como fotógrafo e como persoa. Moitos pobos estarían orgullosos de ter unha figura como Caamaño. Este certame é a mellor maneira que temos de agradecerlle o que fixo e estou orgulloso de que as primeiras 15 edicións puideramos celebralas en vida del. -¿Como xurdiu a idea do concurso? -Eu xa tiña en mente facerlle algo. Por entón tiñamos o certame de poesía de López Abente e propúxenlle a Caamaño o do concurso. Primeiro non quería moito, despois gustoulle a idea e fixemos un concurso moi popular. -¿Hai participación? -Este ano coincide con outras citas de fotografía e non sei como será, pero o ano pasado chegamos a cen fotografías de 50 autores. O noso interese en que participe a xente é para que a súa figura se manteña viva, para que se lle dea importancia. -¿Como está o legado? -Estase a pensar que se vai facer con el. Falouse co Concello e as cousas van ben. No verán podería estar feito un museo nos baixos da casa da cultura. -¿Cantas fotografías pode ter? -Na casa calculo que debe haber unhas 7.500 fotografías, pero ten que ter moitísimas máis. A maioría as ten o xenro moi ben gardadas. Non está abandonado, todo o contrario, el é consciente do que hai e do que se pode facer. Iso si, traballar con todo ese legado require tempo. -¿Teñen previsto facerlle a Caamaño algunha homenaxe con motivo do aniversario? -Queremos levarlle unhas flores e interpretar unha peza na gaita, que o ano pasado non puidemos. -¿Cales son as bases do concurso? -Pode mandar imaxes quen queira, ata seis, en formato de 10 por 20 a 30 por 40 sobre temas relacionados coa Costa da Morte. Os participantes teñen que remitilas á Asociación Cultural Punta da Buítra ata o 1 de decembro. Do 2 ao 8 de decembro estarán expostas no local da asociación e o premio fallarase o día 6 do mes que vén. -¿Cales son os premios do certame? -Para os tres primeiros, 150, 75 e 50 euros respectivamente e o libro Historia viva da Costa da Morte para cada un deles. Este ano non van firmados por el, non chegou. É o primeiro.