Neria edita 40.000 guías sobre as fortalezas e os castros da Costa da Morte

La Voz

CARBALLO

08 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación Neria acaba de sumar dous novos títulos á súa xa longa biblioteca dedica ao coñecemento da Costa da Morte. Nesta ocasión, trátanse de sendas guías dedicadas aos castros e as fortalezas da bisbarra. De cada unha delas, Neria publicou 20.000 exemplares. Corresponden a unha serie, na que xa hai outros traballos, denominados Turismo en A Costa da Morte.

As guías están escritas en castelán, son dun tamaño moi manexable e abundan nelas a fotos a cor (moitas delas aéreas, de gran calidade), repartidas nas súas 32 páxinas. Ademais, aportan mapas despregables de situación.

Na Ruta de los castros , aparece unha breve introdución coas características básicas destas construcións, á que lle segue un texto sobre os castrexos do que hoxe é a Costa da Morte, os chamados nerios, tribo que é a orixe do nome que se lle deu a Neria no ano 1992.

Despois chega o percorrido por una selección de castros, dos mellores que se poden ver, cun capítulo especial para o de Borneiro, un dos primeiros escavados en Galicia. Os outros que se inclúen son o castro das Barreiras, en Ogas-Vimianzo; o de Mourín, en Camariñas; o de Berdeogas, en Dumbría; Coucieiro e Frixe, en Muxía; Castromiñán, en Fisterra; Quenxe, en Corcubión; Teixoeiras, en Dumbría, e Mallou, en Carnota.

Pola súa banda, a Ruta de las Fortalezas segue un esquema similar. Na primeira parte da guía identifícanse as principais da Costa da Morte, con apuntes históricos. A revolta irmandiña merece outro capítulo, o dedicado á Idade Media, o mesmo que o traballo do enxeñeiro francés Carlos Lemaur ao falar das fortalezas erguidas na época de Ilustración, un momento no que nace un novo concepto de defensa.

As Torres de Mens de Malpica, a da Penela en Riobó-Cabana (sede da familia do mesmo nome, de fondo e importante arraigo na zona), o castelo do condes de Altamira en Vimianzo, e as Torres de Cereixo, non moi lonxe.

Os que non quedan

O castelo do Soberano en Camariñas (o que queda del, que non é case nada), o de San Carlos en Fisterra (hoxe sede do museo da pesca), e os do Cardeal (Corcubión) e Príncipe (Cee), completan o percorrido suxerido, aínda que tamén se fala doutras que foron, pero xa non son, como a de San Xurxo sobre o monte Pedrullo, no Pindo; a de Canedo, en San Mamede-Carnota, ou as posibles dos montes da Raña, en Mazaricos, e a de Penafiel, polas mesmas beiras.