«A emigración e o amor inxenuo son dous dos temas que actúan como fío argumental da obra»

CARBALLO

Entrevista al escritor José Antonio Andrade

23 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

José Antonio Andrade Figueiras -autor de Seavia é nome de parroquia- naceu en Coristanco no 1957. Compaxina o exercicio profesional da avogacía coa literatura e, hoxe presenta, na Praza dos Libros de Carballo, a súa obra Reválida de sexto.

-Un pequeniño resumo da súa última obra...

-En poucas palabras, a obra transcorre no 1974. Discorre integramente en Carballo e arredores. A estrutura é novelada, aínda que en forma de diario. Protagonízaa un adolescente, Andrés Abelairas, que estuda bacharelato aquí, nun internado, e que cos ollos propios da súa idade vai recollendo nese diario todo o que ve e o que ocorre.

-A temática, logo, é completamente realista.

-Combínanse personaxes reais con ficticios e hai temas reiterados. A emigración e o amor inxenuo son dous dos temas que actúan como fío argumental da obra, como fío condutor.

-¿Eses personaxes reais poden ser facilmente recoñecibles polos lectores?

-Si, claro. De feito, levan os nomes e os apelidos reais. A xente vainos identificar, por suposto. Pero eu creo que están tratados magnanimamente e cun respecto exquisito. Os ficticios xa teñen máis arestas, máis matices.

-Ese recoñecemento pode ser un dos grandes atractivos da obra.

-Estou seguro de que si. Pero agardo que o lean algúns máis que os que se poidan recoñecer na obra, por suposto.

-¿Podemos mercar xa «Reválida de sexto»?

-Si, xa está a venda. Na Praza dos Libros distribúeo a Libraría Brañas e penso que outras casetas tamén.

-De momento, só escribe prosa.

-Nesta obra hai algúns versos polo medio, pero si, eu son máis de prosa, non de poesía.