«Pretendemos que cada ano estea na carballeira o mellor folk»

CARBALLO

Esta amante das tradicións defende o espírito co que naceu o festival, para o goce de novos e vellos, e para homenaxear á música celta do panorama mundial

27 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O encontro con Lupe Nieto poderíase prolongar durante días pola cantidade de sabedoría e de tenrura que é capaz de transmitir esta muller. Esta veciña de Zas de 36 anos é a presidenta da asociación cultural Castro-Meda, que organiza a Festa da Carballeira. Alí, nesa carballeira de Zas, «montará» a súa casa durante as próximas semanas para que non falle nin un só detalle na organización. Estes días, ao pasear por alí, xa imaxina cos ollos brillantes como estará cada recuncho o próximo venres.

-¿Que destacaría do programa deste ano?

-Nesta ocasión o festival cumpre 25 anos e todos os grupos que tocan o sábado xa estiveron aquí e son bandas cunha vinculación especial con Zas.

-¿Como son capaces de organizar un festival desta envergadura?

-Este ano é o 25 aniversario e tiñamos claro o que queriamos desde o principio, así que o planificamos con moito tempo. Sempre empezamos polas mesmas cousas e dividimos o traballo. Despois, hai que telo todo moi controlado porque en período de festival non podes dar marcha atrás.

-Pola Carballeira pasaron grandes grupos do panorama folk mundial. Imaxino que é un orgullo para vostedes, pero tamén unha responsabilidade.

-Nós defendemos que somos o mellor festival folk de Galicia en canto a música. Os cachés dos grupos que veñen son impresionantes e pretendemos que cada ano estea na carballeira o mellor folk. Iso é o que queremos conservar. Nacemos cando o folk aínda non se coñecía, vivimos o bum do folk e, agora que pasou, nós seguimos aí, aínda que a nós nos supón moito esforzo.

-¿Como naceu este festival?

-Un día xuntáronse uns rapaces do pobo que tiñan discrepancias coa comisión de festas e lembraron unha vella tradición. En vésperas do Sacramento baixábase comer á carballeira. Así que eles, naquela ocasión, decidiron baixar á carballeira cunha carretilla na que meteron as bebidas, incluída a augardente en bacinillas porque non lles prestaban botellas, e fixeron un cartel a man con bolígrafo. Iso foi hai 25 anos. Despois, cada ano sumouse un grupo un pouco mellor ata chegar ao gran festival que é hoxe. Hai uns dez anos estiveron os Tannahill, que puxeron o festival de Zas na Carballeira. Foron un dos grupos que máis marcaron esta festa, pero non puideron vir este ano porque un dos compoñentes está enfermo. Cando viñeron a Zas, aquel ano foi a única actuación que daban en España, e fixeron internacional a nosa festa. Despois, decidimos cobrar entrada porque queremos autosubvencionarnos e non depender de axudas externas porque iso condena a un festival. Ademais, coa entrada hai un cedé de regalo.

-¿Está de moda o folk en Galicia?

-O folk en Galicia viviu moitas etapas, pero nós temos outra perspectiva por traer sempre grupos estranxeiros, para os que o folk é a súa vida desde hai cen anos. Hai determinadas bandas en Galicia que acaban de chegar ao folk e teñen a pretensión de Sharon Shannon. Aquí criticaron a presenza de Cristina Pato, pero cando veu foi a raíña da carballeira, meteu ao público no peto desde o principio. Algúns grupos saben adaptarse e defenden unha actuación distinta na carballeira, onde se entregan ao público, e iso nótase.

-¿Consérvase hoxe en día o espírito inicial da festa?

-O importante é que sexa un festival para todo o pobo, e iso segue a ser así. Lembro un ano, cerca da unha da mañá, que vin en primeira fila, nas vallas antiavalanchas a un veciño de setenta anos emocionado cos concertos. Tomamos moitas decisións sentimentais, e iso fainos conservar as tradicións.