Laxe aposta por dignificar a figura da muller redeira

CARBALLO

Carme Adán e Tereixa Novo destacaron a necesidade de que as atadoras se organicen en cooperativas

23 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«Como irmás». Así se sentiron, en palabras dunha das atadoras, as 24 redeiras de Laxe que participaron durante un mes no programa de formación Arlinga, organizado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. O que comezou sendo un curso para dar a coñecer ás mulleres a importancia do asociacionismo, remataron sendo unhas xornadas nas que compartir saberes, experiencias e falar do infravalorado que está o seu oficio. Cada día, ao deixar o curso, «sentiamos pena e estabamos desexando volver a reunirnos», explica unha das redeiras.

Onte tocou facer balance e asistiron a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, e a delegada provincial, Tereixa Novo, para coñecer, de man dunha parte das participantes, como se desenvolveu o curso, que foi o máis proveitoso e cales son as súas inquedanzas. Alí estaban, entre outras, María Pose, Carmen Rellán, Flora Lema, Palmira Collazo e María Xosé Collazo, que foron comentándolles ás dúas representantes da Xunta a súa opinión e percepción do programa. «Non se trataba dun curso para aprender a facer redes, que diso xa saben elas dabondo, senón para ver que posibilidades hai de cooperativismo no ámbito do mar, e facer fincapé na importancia da igualdade», sinalou Adán.

A opinión dos homes

Todas elas destacaron a parte de igualdade, aínda que engadiron que «había que traer tamén aos homes, porque eles din que só haberá igualdade cando nós vaiamos ao mar», sinalou unha das participantes. Outra dixo que «a muller redeira está moi infravalorada». «Por iso a xente nova non quere entrar, porque son moitas horas e moi pouco valoradas», respondeu unha compañeira. Entre outras cousas, ademais de facer balance, as mulleres aproveitaron para pedirlle a Adán a posibilidade de organizar en Laxe cursos de autoestima.

Unha cooperativa

O programa Arlinga artéllase en tres eixos: os cursos de formación, a posta en marcha dunha cooperativa de servizos a nivel galego e unha campaña de sensibilización e visibilidade das redeiras galegas a través do documental María Soliña. Para ilo, a Xunta investiu 600.000 euros, e dotou a cada participante cunha subvención de 500 euros. Ademais, as participantes van estudar a posibilidade de montar unha cooperativa. Polo momento, entrarán na de servizos, a nivel autonómico, na que están, ademais da asociación profesional de redeiras Mar de Laxe, O Fieital e Mar da Illa, de Malpica. Están convencidas de que para conseguir igualdade hai que formarse.