Carballo celebra o Día das Letras Galegas con «Oito horas lendo»

La Voz

CARBALLO

17 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Xardín Municipal de Carballo dará cabida hoxe a unha tradicional celebración, o maratón de lectura Oito horas lendo.

Este acto terá lugar desde as 11.30 ata as 19.30 horas e consistirá na lectura durante cinco minutos dun fragmento literario seleccionado polo propio lector, de calquera dos corenta e cinco autores aos que xa lles foi dedicado o Día das Letras Galegas.

Logo, os asistentes aos actos convocados polo Concello desprazaranse ata o Pazo da Cultura carballés. Alí terá lugar a entrega de premios aos gañadores da cuarta edición do certame de artigos normalizadores que este ano foron parar aos xornalistas Xesús Fraga e Kiko Novoa que desenvolven a súa faceta profesional en La Voz de Galicia e Radio Voz Bergantiños respectivamente. A última das actividades para a xornada de hoxe será o tradicional concerto do 17 de maio que correrá a cargo da Banda de Música Municipal de Carballo. Será tamén no Pazo da Cultura.

Mañá terá lugar Maxia en familia co mago Pedro que presentará o seu espectáculo Ilusión. Esta representación ten un contido visual de moita calidade. Dará comezo no pazo carballés ás 18.00 horas e a entrada custará de 3,5 a 2,5 euros.