O Pazo da Cultura inúndase da arte do certame Isaac Díaz Pardo

La Voz

CARBALLO

15 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Pazo da Cultura abriuse onte ao certame Isaac Díaz Pardo, unha das convocatorias artísticas de máis peso en Galicia. Por iso, foron moitos os veciños que se achegaron ata o centro carballés para dar a benvida á exposición promovida pola Deputación de A Coruña.

O acto non estivo exento de sorpresas: un carballés atópase entre os artistas seleccionados polo xurado desta cita. Con este concurso, a entidade provincial pretende render unha sincera homenaxe ao artista que dá nome ao certame e promover e impulsar o patrimonio artístico galego. «Estamos ante unha exposición moi completa, xa que abarca as catro bases do movemento artístico: pintura, escultura, gravado e fotografía», explicou o comisario da mostra.

Un carballés, premiado

En total, máis de vinte obras locen na terceira planta do Pazo da Cultura. Na presentación da compilación de obras tamén estivo presente o artista carballés Alberto Gende Díaz, quen recibiu os parabéns polo mérito de estar seleccionado pola Deputación. A edila de Cultura, Belén Lendoiro, pola súa parte, destacou a importancia desta exposición pola calidade das pezas e tamén dos participantes. Ademais, anunciou a que será próxima mostra. A partir do 14 de xuño artistas locais presentarán os seus traballos sobre o corpo humano.