«Voces de Bergantiños» invita ao cine aos seus oíntes

M. V.

CARBALLO

Radio Voz regalará entradas para asistir á proxección en Cee e Carballo da película «El menor de los males»

13 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«Eduardo é un home de mediana idade, casado e con fillos. Dedícase á política e reside en Madrid. A súa irmá Julia vive na vella casa familiar en Galicia onde un día, sen esperalo, recibe a visita de Eduardo. Non é unha viaxe de pracer, o motivo é Vanesa, a nova e ata entón oculta amante do político». Este é o arranque de El menor de los male s, a película dirixida por Antonio Hernández e producida por Voz Audiovisual.

Para coñecer o final desta historia, protagonizada por Carmen Maura (Julia), Roberto Álvarez (Eduardo) e Verónica Ehegui (Vanesa), hai que achegarse aos cines, onde xa foi estreada con aval do gran éxito que acadou na súa presentación, que se levou a cabo no Festival de Cine de Málaga, onde levou varios premios, entre eles os de mellor guión e mellor actriz de reparto para Verónica Echegui.

Nos multicines Bergantiños de Carballo e nas salas Xunqueira de Cee poderá verse a partir do vindeiro día 16 e os oíntes de Voces de Bergantiños , de Radio Voz, están de sorte, xa que a partir desta semana poderán acadar entradas gratuítas para asistir á súa proxección. En total, a emisora repartirá 200 bonos ao longo de toda a semana.

O director da película, e doutras como Los Borgia (2006), Oculto (2005) ou En la ciudad sin límites (2002), explicou que El menor de los males é un intento desesperado por denunciar a imposición da dobre moral como moeda de cambio. Na sociedade actual, di, a moral é sepultada por unha frase: «Ese é o menor dos males», unha escusas para facer o que un quere en nome, din eles, dunha maioría. Calquera accidente no camiño cara o triunfo o consideran o menor dos males.

Concibida como unha comedia negra, a película non pretende denunciar frontalmente a situación do día a día, senón facelo de forma sutil, seguindo a unha das personaxes que inundan a diario as páxinas políticas dos periódicos.

Paga a pena vela. Pola súa historia, pola súa ambientación -foi rodada maioritariamente en Galicia- e polo seu reparto. Nel, Carmen Maura, unha das grandes do cine español, tal e como demostrou na exitosa Volver. Tamén pode verse na cinta a Roberto Álvarez, protagonista, entre outras de Ana y los siete ou Los Borgi a; Verónica Echegui ( Yo soy la Juani ), Antonio Durán Morris , y Marta Belenguer ( Camera Café ).