Os xornalistas Xesús Fraga e Kiko Nóvoa gañan o certame de artigos do Concello de Carballo

Luisa Gutiérrez

CARBALLO

13 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Pazo da Cultura de Carballo deu onte boas noticias no ámbito da literatura. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello deu a coñecer os nomes dos gañadores no certame literario organizado por este departamento. Xesús Fraga e Kiko Nóvoa, ambos traballadores de La Voz de Galicia e Radiovoz, respectivamente foron os gañadores.

O xurado do cuarto premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse onte na capital de Bergantiños para decidir os dous artigos gañadores deste certame ao que se presentaron 40 traballos de toda Galicia e incluso de fóra. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do texto na maioría dos xornais galegos, mentres que ao segundo corresponderanlle 350 euros e tamén a difusión en nove medios de comunicación de ámbito galego.

O primeiro premio levouno o escritor e xornalista Xesús Fraga. O traballo presentado, A bendita intranscendencia do pop analiza o importante que é para a normalización lingüística a fornada de grupos musicais actuais que cantan en galego con total normalidade sen ter que cargar coa responsabilidade de facer país ou salvar o idioma, igual que, Os Resentidos ou Andrés do Barro.

Xesús Fraga (Londres, 1971) reside na Coruña e é redactor de La Voz de Galicia e colabora en Radiovoz desde 1996. Ademais aparece no programa da TVG Libro Aberto. Como escritor ten publicado tres libros de recoñecido éxito, Tute para catro (Xerais, 2000), A-Z (Xerais, 2003) e Solimán (Xerais, 2004). Tamén publicou a tradución a galego de Arthur e George, de Jullian Barnes.

Segundo premio

O segundo premio, dotado de 350 euros e a publicación nos nove medios colaboradores co certame foi para o artigo Carta dun trífido esquizoide, de Kiko Nóvoa. No seu artigo destácase a modernidade, necesidade e practicidade do galego, e faise cunha comparativa co sueco e cunha destacada calidade literaria con tintes rupturistas e con destacados valores estilísticos.

Nóvoa (Culleredo, 1973) é xornalista de Radiovoz Bergantiños, a emisora convencional máis escoitada na Costa da Morte durante o día, aínda que tamén colabora con La Voz de Galicia. Ademais foi correspondente deste xornal e de RNE en Escandinavia.

Outros galardonados

Nas tres edicións anteriores deste certame foron premiados autores como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños e Séchu Sende.

Os obxectivos deste premio, que organiza o Concello de Carballo son, entre outros, promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego deste idioma na prensa escrita.