«Temos pensado facer un calendario erótico con fins benéficos»

CARBALLO

30 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nótase a leguas que aos compoñentes da Charanga Mekánica, de Negreira, lles gusta a música. E o que é máis importante, nótase a leguas que o público está contento con eles. Onte estiveron na romaría de Montetorán, en Bamiro (Vimianzo), acompañando á Virxe na procesión e tamén facendo bailar aos veciños presentes con temas moito máis actuais que os pasodobres que tamén saben de memoria. Os seus integrantes -doce en total, aínda que onte só estaban dez- son todos estudantes do grao medio de música (algún xa acabou). Non hai director, pero todos están de acordo en que sexa Manuel Casabielle, de 23 anos, o que leve a voz cantante.

-¿Como xurdiu a charanga?

-Foi hai catro anos, todos nós estudábamos música e tocabamos na banda municipal de Negreira. Gustábanos, pero estabamos un pouco fartos de tocar sempre pasodobres e decidimos introducir temas máis movidos.

-¿E a xente non pide tamén pasodobres?

-Os piden, si, pero o certo é que en xeral son moi marchosos e anímanse a bailar todo o que tocamos, hai moita conexión co público.

-Así que a da charanga é unha fórmula que funciona.

-Os inicios non foron nada doados, pero agora xa nos empeza a coñecer a xente e estamos moi contentos. Só o pasado mes de agosto tivemos 27 actuacións, en setembro foi algo parecido. Confiamos en que este ano incluso vaiamos a máis sitios.

-Incluso a fóra de Galicia.

-Si, chámannos moito de fóra porque o das charangas galegas é algo único que chama moito a atención. Estivemos, por exemplo, nas pasadas fallas de Valencia e xa nos ficharon para as próximas.

-A este paso, teredes club de fans.

-Club de fans non sei, pero si é certo que hai moita xente que unha vez que nos coñece volve a chamarnos?-o seu teléfono é o 675 374 761-. Quizais o ano que vén si, porque imos facer un calendario erótico para recadar fondos para algunha asociación benéfica.