Rafa Villar gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense

La Voz

CARBALLO

03 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor ceense Rafa Villar acaba de gañar un novo premio que sumar á súa longa lista de galardóns literarios. Neste caso, un de sona, o Premio de Poesía Cidade de Ourense, coa obra Migracións .

Trátase da 24 edición deste galardón, que ten como particularidade que se abre tanto a escritores galegos como portugueses. O seu traballo foi escollido por unaniminade do xurado, do que formaron parte, entre outros, o vencedor do ano pasado, Francisco Fernández Naval, ademais dos portugueses António Manuel Pires Cabral, do Concello de Vila Real (no norte do país) e Joaquim Ribeiro Aires, do Grémio Literário Vila-Realense.

Todos eles destacaron, na súa resolución (a acta final está firmada o día 29 do mes pasado), o «carácter intenso e comprometido do texto, así como a música e o ritmo interior que se inicia no primeiro poema e que se mantén constante ate o final». Tamén salientaron a alta calidade das obras propostas.

Ademais destas loubas, sempre importantes para un escritor, o premio comporta a publicación do libro, a cargo da editorial Espiral Maior, e 6.000 euros, asimesmo importantes.

Rafa Villar, ceense, que este ano chegará aos 40, é licenciado en filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago e traballa no servizo de normalización lingüística do sindicato CIG. É autor de numerosas obras. A última, presentada en Fisterra (na Taberna Ultreia) en decembro, é o poemario Memoria de Ahab , dentro dunha nova e moi coidada colección de Sotelo Blanco Edicións chamada Edoy Leliadoura, selo no que tamén participa o fisterrán Modesto Fraga con Derrotas con raíces .

A esta obra singular hai que engadir, ca, outra plural, coletiva, na que tamén está involucrado Villar. Trátase do libro Letras Novas , froito das colaboracións recadadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), durante os anos 2006 e 2007, para o xornal Infoxove . O volume inclúe un cedé coas gravacións das lecturas dos 51 escritores e colaboradores.

Admáis de Villar, outros membros desta experiencia da Costa da Morte son o pontecesán Paco Souto, ademais das ceenses María Lado e María Canosa. Este libro vai ser presentado mañá venres, nun acto que se levará a cabo na sé da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en Santiago, e nel estarán prsentes o director xeral de Xuventude, Rubén Cela; Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e a vicepresidenta da entidade, Antía Otero.