Goreti Sousa é profesora de Historia das construcións. na Escola Superior Gallaecia de Vilanova de Cerveira (Portugal), universidade na que hai 200 estudantes galegos matriculados. Ademais é especialista en megalitismo, o que a levou a colaborar co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e dirixir a viaxe que esta entidade levou a cabo para visitar as antas do Alentejo.
-¿Qué opina da situación dos megalitos da Costa da Morte?
-¿Comparando coa portuguesa?
-Coa portuguesa e coa bretona, que vostede coñece ben.
-Coa da Bretaña, en termos de conservación, temos moito aínda por facer, tanto en Portugal como na Galicia. Comparando estas dúas últimas, penso que nalgúns casos podemos estar un pouco máis avanzados e noutros supostos non.
-¿Cales son?
-Temos, por exemplo, no que se refire á conservación, que facer unha diferenciación entre o que é o norte de Portugal, onde está todo case por facer, e Galicia, onde, polo menos, hai unha sensibilidade moito maior cara o patrimonio. No norte de Portugal está case esquecido en termos, non tanto de investigación, senón de conciencia política, de que é un ben a conservar e mesmo por parte das comunidades, que non se están vendo esta riqueza. Aquí no Alentejo vexo o bo e o malo. Nuns sitios utilizase o megalitismo como recurso turístico e masificado e logo outras áreas nas que se optou por unha estratexia máis equilibrada. Fai falta atopar un punto entre a dosificación, a divulgación e o control sobre as visitas. Neste aspecto, creo que na Bretaña están moito máis avanzados. En cada monumento hai unha área de protección e un control das entradas, que aquí non existe. E non hai ninguén para coidar este patrimonio.
-¿Como valora o proxecto de parque do megalitismo da Costa da Morte e o feito de que aínda non se levara a cabo?
-O proxecto é moi interesante, en todos os aspectos. Non sei se está parado ou non. En Portugal nin sequera temos unha idea dese xénero. Iso é o que me espanta: ¿cómo é que aínda non se tomou a iniciativa de o facer? As rutas están sinalizadas, mais nunca se creou un parque. O que temos de semellante, e que xa funciona, é o do Val de Coba. Se eu tivese responsabilidades políticas sería o que faría: un centro maior de interpretación e un museo, con núcleos pequenos e unha infraestrutura que levase a visitar varias zonas, con directores propios que poden dar explicacións profundas. É o modelo pode funcionar moi ben.
-Dombate leva abandonado vinte anos. ¿Non debería estar xa solucionado?
-Case podería dicir que é o mesmo caso ca o da Anta Grande de Zambujeiro. No caso de Dombate, polo menos, existe unha proposta. No noso caso nin sequera existe unha proposta. Houbo unha intervención, deixouse o monumento aberto, non se tomaron medidas de precaución, mais nun caso hai proxecto e noutro non. Na Galicia, polo menos, existe un proxecto para salvar a situación.