Dezaséis persoas e entidades optan aos premios Carballés, Bergantiñán e Galego do 2007

La Voz

CARBALLO

12 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Padroado Fogar de Bergantiños fixo pública onte a relación de nominados para os premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano 2007, aos que optan un total de 16 persoas e entidades despois de engadir as propostas das entidades aos candidatos do consello asesor.

A relación máis extensa é a de aspirantes a Carballés. Entre eles figura Fernando Cabeza Quiles , profesor de ensino primario, escritor, articulista e conferenciante, gran coñecedor da toponimia galega e autor de dous libros nos que recolle a orixe dos nomes de moitos lugares da comunidade. Juan Carlos Díaz del Valle , psiquiatra de profesión, coordenou o ano pasado o libro Terapéutica en la enfermedad mental, un enfoque histórico. Pero as entidades tamén queren recoñecer o seu labor como membro de Xocaloma e na promoción do ciclismo. Manuel Facal Ponte é o artista carballés máis internacional. Os seus méritos na arte do grabado son de sobra coñecidos. Como escultor ten doado nos últimos anos dúas obras ao seu pobo natal.

De Cances é natural Xosé Ramón Freixeiro Mato , filólogo, responsable do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e un dos participantes na elaboración na normativa da concordia do galego, no ano 2003.

Xunto a eles figura Rober Bodegas , monologuista recoñecido a nivel nacional ao gañar o concurso de Televisión Española El rey de la comedia .

A todas as persoas nominadas únese o Centro Municipal de Formación de Carballo , creado en 1990, e que dende entón vén realizando un destacado labor na formación e na inserción laboral dos mozos.

Dous cormeláns competirán este ano na categoría de Bergantiñán. Por unha banda está proposta Loly Bolay , recén nomeada presidenta do Parlamento de Xenebra (Suíza), co que se converte na primeira extranxeira que accede a ese cargo. Pola outra figura Martín Varela Dourado , xogador de tenis en cadeira de rodas, que ten acadado numerosos éxitos deportivos a nivel nacional e internacional. As asociacións queren premiar o seu espíritu de superación.

Os outros candidatos a Bergantiñán do Ano 2007 son tres entidades. De maneira xenérica están propostas as asociacións de loita contra o cancro de toda a comarca «polo seu importante labor social, concienciando á sociedade da enfermidade e colaborando na recadación de fondos para o tratamento e a investigación desta enfermidade».

Tamén figura na relación a Escola Familiar Agraria Fonteboa , de Coristanco, «polo seu traballo de educación e formación durante máis de trinta anos de mozos na capacitación técnica agraria».

A lista péchase con Norte-Sur Solidario , unha oenegué con sede en Malpica e socios de toda España que está a levar a cabo nestes momentos diversos proxectos en Ocotal (Nicaragua).

Polo que se refire aos aspirantes a Galego, tamén son cinco as persoas propostas. Entre elas figura Quico Cadaval , actor, director e adaptador teatral, natural de Ribeira, que o ano pasado acadou un gran éxito coa estrea da obra Noite de Reis co Centro Dramático Galego. Ángel Carracedo Álvarez , natural de Santa Comba, é un investigador de prestixio mundial. Catedrático e director do Instituto de Medicina Forense de Santiago, un dos últimos casos que resolveu foi o esclarecemento da identidade dun neno, fillo dunha muller secuestrada polas FARC de Colombia.

O ferrolán Xavier Gómez Noya , triatleta, ten no seu poder numerosos títulos, o último, o campeonato de Europa do 2007, ano no que foi considerado o mellor deportista galego.

A veciña de Muxía María Amelia López tamén se fixo famosa o ano pasado por ser unha das máis blogueras máis veteranas, e mesmo chegou a gañar os premios Bobs, concedidos por unha televisión alemana.

A título póstumo, as entidades propoñen a Idioa Rodríguez Buján , natural de Friol (Lugo), que formaba parte do Rexemento de Infanteiría Lixeira Aerotransportable da Brilat con sede en Figueirido (Pontevedra), e que morreu no 2007, con só 23 anos, nun ataque talibán á súa unidade en Afganistán.