«Zapata abrazou o exilio cun forte compromiso republicano»

M. Beceiro

CARBALLO

O poeta ceense leu a súa tese sobre a vida e obra do escritor da Costa da Morte Antón Zapata exiliado na Arxentina

26 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor e profesor ceense Miro Villar González defendeu na facultade de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago a súa tese doutoral titulada: A poesía de Antón Zapata García. Edición e estudo . O traballo, dirixido polo escritor Xesús Alonso Montero, percorre a vida e obra do bardo galego finado na Arxentina.

-Para a maioría dos galegos Antón Zapata é un perfecto descoñecido. ¿Quen foi realmente e que significou na literatura galega?

-Antón Zapata García foi un poeta da Costa da Morte que emigrou a Arxentina con 17 anos. Chegou alí no ano 1903 e viviu alí ata o ano 1953 en que morreu. O máis curioso, en canto á súa obra, é que é un poeta moi na liña pondaliana, conservando un rexistro de lingua do exilio.

-¿Qué e o máis salientable da súa literatura?

-O que máis destaco eu do seu rexistro de lingua é o seu vencello co léxico mariñeiro, que é moi forte. Para min é un dos nosos grandes poetas do mar. Sempre se fala de Manuel Antonio, pero ao fin e ao cabo miraba o mar desde fóra ou desde a mariña mercante. Non é o mar da pesca, que é o que sae en Antón Zapata. Eu dedícolle un capítulo extenso a falar do léxico exclusivamente relacionado coa pesca. Outra parte salientable del sobre algo que moitas veces se ten posto en cuestión -o feito de que na Arxentina houbo exilio, por unha banda e emigración por outra-, é que Zapata é deses emigrantes que abrazaron a causa do exilio cun forte compromiso republicano.

-¿Foi Zapata un escritor moi valorado na diáspora?

-Si. El era un persoa que malia non ser unha grande figura das letras estaba sempre en canto acto literario había. Era unha persoa moi valorada na diáspora. Eu recollo de feito unha serie de actos nos que el participou sempre para ler poemas e dar conferencias sobre Pondal. El era especialista en Pondal tamén, e de feito eu creo que iso explica que el sexa bastante pondaliano na súa poesía. O que pasa que é pondaliano nun primeiro momento porque despois evoluciona cara ao compromiso pois viñan anos máis duros. Entón había que combater o franquismo e a palabra era unha das razóns.

-¿Morreu só en Arxentina, sen intentar volver a Galicia?

-Si. Os últimos anos foron moi duros porque eu sospeito que tiña algunha enfermidade relacionada coa diabete pois é do que se fala nas súas cartas. Morreu alí no ano 53.

-¿Logrouse salvar todo o legado literario do escritor?

-Hai algunhas cousas en centros galegos pero a maioría está perdido.

-¿O seu traballo, por tanto, foi arduo?

-Si, houbo que buscar, a veces como unha agulla nun palleiro. E de feito hai fíos que intentei seguir que non levaron a ningures. O que pasa é que, afortunadamente, hai un labor que está facendo o Arquivo de Emigración da Cultura Galega que é recoller toda esta prensa dispersa que había por Arxentina que agora permite que incluso non teña un que viaxar a Bos Aires, pois está todo microfilmado. Pero é un labor que empezou nestes últimos anos, e ata este momento perdéronse moitas cousas.