«É curioso que collan a baixa xusto cando lles toca cubrir as ausencias»

CARBALLO

A responsable de organización achaca os problemas á falta de persoal. Confía en arranxalos en breve e manda unha mensaxe de tranquilidade á poboación

11 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

María Jesús Cerecedo é médico e tamén pasou pola etapa na que non tiña praza e facía substitucións alí onde a chamaban. Agora organiza o servizo de Atención Primaria na Área Sanitaria coruñesa, da que forma parte a Costa da Morte. Para ela o principal problema é a falta de profesionais para cubrir as ausencias e as baixas «casuais» para evitar as gardas. De todos xeitos asegura que a saturación non é tan alarmante como se di e confía en que se arranxe nos próximos días.

-¿Como se explica o colapso dos centros de saúde da Costa da Morte, especialmente do de Carballo?

-Hai varios factores. O principal é que non temos médicos para substituír as vacantes, aínda que a situación está mellorando. En Carballo xa só hai 5 ausencias de 17 prazas. Tres delas son de carácter laboral.

-¿Por que os profesionais do sector presentan un índice de baixas máis alto que noutros traballos?

-Non existe ningún estudo que indique iso. O que resulta curioso é que collan a baixa xusto cando lles toca cubrir as ausencias, como ocorreu nestes casos. Tamén é certo que fronte a esta viraxe da gripe son os que están máis expostos e teñen unha maior probabilidade de contaxio.

-Os médicos que fan substitucións quéixanse das baixas retribucións e da continua mobilidade entre os centros. ¿Vaise actuar para corrixir isto?

-Eu fun médico substituto e aquilo si que era precariedade laboral. Agora o problema é que hai moi poucos e distribúense dunha maneira relativamente organizada porque non ten sentido mandar alguén de Sobrado a Cee e ademais non sería práctico. Se fai falta, terá que ir dende Vimianzo, por exemplo. Sempre se pode mellorar pero as mobilidades deste tipo só se dan en casos moi puntuais para cubrir algunha emerxencia. En canto ás retribucións no último ano e medio mellorouse moito. Non teño as cifras exactas para coa aparición do que coñecemos como carreira persoal os soldos aumentaron entre 600 e 1.000 euros.

-¿Pensan organizar as vacacións dunha maneira escalada para evitar que coincidan sempre na mesma época?

-Está claro que non se pode ir todo o mundo xunto no mes de agosto e de feito xa non se vai. Tentamos que a xente se organice cos compañeiros para manter o servizo que se lle dá ao cidadán. Aínda así, recentemente tivemos que denegarlle as vacacións a algún profesional para poder cubrir as ausencias.

-O persoal que traballa nos puntos de atención continuada tamén manteñen reivindicacións laborais. ¿Avanzouse algo nesa negociación?

-Estase avanzando. Precisamente mañá [por hoxe] teñen unha reunión en Santiago para tratar sobre o tema. Non é algo que dependa do noso departamento pero o que está claro é que se a xente dos PAC non cubre as gardas temos que tirar dos que traballan en primaria e se estes -que casualidade- se poñen de baixa convértese nun problema moi difícil de compaxinar.

-A xente pregúntase por que non empregan especialistas para cubrir as baixas dos médicos de familia. ¿Iso é factible? ¿Que lles diría?

-A ver. Poden botar unha man no seu campo nun momento dado e claro que iso axuda, pero na maioría das casos, trátase de persoas moi especializadas nunha tarefa demasiado concreta. Un cardiólogo coñéceo todo sobre os males do corazón, pero ¿Que fai se atopa a unha persoa cun problema nun ollo? Ser médico de familia implica ter unha visión xeral sobre todo. Ademais a gran maioría ten xa a súa praza, non quedan profesionais que estean desocupados.