Un dos mellores matemáticos do século XX fixo longa escala en Fisterra

CARBALLO

Peter David Lax pasou seis horas moi intensas na bisbarra

04 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Peter David Lax, un dos matemáticos máis importantes de todo o século XX, estivo visitando estes días Galicia no marco do programa ConCiencia, que é unha iniciativa dirixe quen subscribe que está a traer a Galicia a Premios Nobel e Premios Abel (en matemáticas non hai Premio Nobel e o Premio Abel é o análogo). Á marxe de deseñar o seu programa de actos oficiais e reunións de traballo con especialistas, se aproveita para darlles a coñecer Galicia. E, en primeiro lugar, a Costa da Morte, e na Costa da Morte, cómo non o cabo Fisterra.

Estivemos alí hai uns días. Fomos recibidos polo alcalde, José Manuel Traba, e o tenente de alcalde Santiago Insua, que lle amosaron a Lax as fantásticas vistas do cabo, nun día que estaba radiante. Fixo moitas preguntas sobre a relevancia histórica dese punto: que se era a fin do Camiño Xacobeo, o significado que tiña para os romanos, o seu recente nomeamento como Patrimonio Europeo...

Tamén lle chamou atención a vista do monte Pindo. Un pouco antes estivéramos no mirador do Ézaro, onde tivo a sorte de poder ver aberta a cascada do Xallas. Pareceulle moi chamativo que fose un río aberto «a cachos». De feito andou especulando que, con esa apertura parcial, a redución de potencia eléctrica obtida pola compañía explotadora non é relevante. Paradoxalmente, cando estaba no mirador, ás veces íaselle a vista cara os toxos, que lle pareceron unha planta curiosísima, máxime cando lle dixen que era das máis comúns deste cornecho do noroeste.

Kennedy

Pero o mellor, sen dúbida, foi a conversa na comida no restaurante do Semáforo, con presenza do xornalista Santiago Garrido. As anécdotas foron continuas: o alcalde comentáballe a dureza da política local, e o profesor Lax respondeulle cun comentario que lle fixera un sobriño de J. F. Kennedy, que era alcalde de Boston: «Amigo Peter, toda a política é local».

Tamén falou da pouca confianza que lle inspiraba Ronald Reagan. Un amigo seu, o tamén húngaro Edward Teller, pai da bomba de hidróxeno, foi quen convenceu a Reagan para iniciar o programa militar coñecido como Guerra das Galaxias. Lax enfadouse co seu amigo Teller por iso, aínda que comentou que estivo de acordo con el na creación da bomba de hidróxeno antes ca os rusos. O xornalista presente na comida falaba tamén da responsabilidade da prensa e el dicía que a coñecía ben: o seu fillo é íntimo amigo do editor do New York Times.

Einstein

O mellor del é que, aos seus 81 anos, tivo acceso privilexiado aos máis grandes da historia. Contou que Leo Szilard, íntimo colaborador de Einstein, co que tiña máis de 30 patentes, era moi amigo do seu avó. Szilard, Einstein e o seu avó colaboraron moitas veces. De Szilard ten moi alta opinión: el foi quen convenceu a Einstein para mandarlle ao presidente Roosvelt unha carta que deu lugar ao inicio dos traballos da bomba atómica.

Durante a súa presenza en Fisterra tamén saíron os recordos da Segunda Guerra Mundial. O alcalde contoulle que algún bombardeiro norteamericano fora derribado na Costa da Morte, e que a xente do lugar recordaba cómo o piloto fixera explotar a cabina, quizais para evitar a captura do radar polos alemáns. Lax respondeulle que o motivo non era ese: o que querían protexer era o sistema que servía para lanzar con precisión as bombas, que era moi sofisticado e de alto secreto.

Pero o que máis destacou del todo o mundo foi a súa extrema humildade e gratitude con todos os que o rodeaban. Un home que tivo contacto directo con todos os presidentes dos Estados Unidos dende Roosvelt, que chegou a espetarlle ao xeneral MacArthur que a estratexia da batalla do Pacífico debería ser tido cambiada co Proxecto Manhattan, que coñeceu os máis importantes secretos, mostrábase impresionado coas fotos expostas no faro con imaxes de vacas tirando do arado e logo no museo da pesca, seguindo con gran atención as explicacións dunha guía local nun perfecto inglés. Nese museo asinou no libro de visitas. Antes, no faro, asinara tamén no libro de honra do Concello de Fisterra no que, por certo, xa van varias sinaturas de Premios Nobel ...