A Praza dos Libros pecha as súas portas con outra xornada de feira en Carballo

La Voz

CARBALLO

26 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Nestes tres días de Praza dos Libros pasou un pouco de todo polo xardín municipal de Carballo, dende os abarrote do xoves frío e venteado de mercado e da presentación dos libros de Xan Fraga e Xurxo Borrazás, ata a relaxada e soleada tarde de onte. Os organizadores están satisfeitos, porque, aínda que as visitas ás casetas foron moi espalladas, en todas as actividades paralelas houbo moito público. Os que máis participan, os nenos, que moitas veces tiran polos pais e que sempre acaban mercando algún exemplar.

Literatura para todas as idades, pero tamén camisetas moi galegas e mesmo bixutería feita no Sáhara forman parte da oferta da Praza dos Libros, que comezou un xoves de mercado e remata un domingo de feira. Para hoxe, de feito, agárdase moita afluencia. Un dos motivos para acudir é a iniciativa Un libro, un pan , que consiste en que todas as persoas que fagan unha compra serán agasalladas cun molete da marca Pan de Carballo.

O programa da última xornada inclúe, ademais, a presenza de Santiago Jaureguízar, que asinará exemplares das súas obras a partir das doce da mañá. E, como peche, ás nove e media, tan pronto como cerren os postos, o cantautor cubano Norge Batista ofrecerá un concerto na carpa.