Os nenos impoñen o seu ritmo na Praza dos Libros de Carballo

La Voz

CARBALLO

25 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A carpa do xardín municipal de Carballo converteuse durante a mañá de onte nunha «fábrica» de contos. Os traballadores foron nenos de todas as idades, que durante dúas horas participaron nas actividades «veloces para facer e levar» deseñadas para introducilos no mundo da literatura dun xeito lúdico e creativo.

As vacacións axudan á participación dos rapaces, moito máis dispostos a recorrer a Praza dos Libros que os maiores. Despois da animación do xoves pola mañá, o ambiente relaxouse pola tarde e tamén durante a xornada de onte, agás durante a celebración das actividades paralelas programadas polo Concello de Carballo.

A presenza dunha caseta de Solidariedade Galega do Pobo Saharauí, que ten unha delegación na Costa da Morte moi interesada en revitalizar a organización na zona, conseguiu atraer o xoves pola tarde a moitas persoas interesadas en coñecer o traballo que desenvolve. O subdelegado saharauí para Galicia, Mahmoud Elhda, deu todas as explicacións. Máis público houbo aínda nas presentacións dos libros de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Paco Souto, dous autores da comarca con obras nada semellantes, xa que o primeiro falou sobre Lingua, nación e identidade , unha compilación de artigos sobre diversos aspectos da lingua, e o segundo fixo un recital con poemas do seu libro As horas de María .