A música disco pecha a festa de remate do verán na praia de Lingunde

La Voz

CARBALLO

25 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A praia de Lingunde, no municipio de Camariñas, é estes días o escenario dun festival polo que están a pasar os mellores grupos que actuaron ao longo da tempada no café bar O Curbeiro, organizador da iniciativa.

Algúns dos asistentes xa chegaron onte, xa que, entre outros servizos, habilitouse unha zona de acampada para evitar desprazamentos en coche. Os concertos continúan hoxe cunha proposta que inclúe hip hop e reggae cos pinchadiscos Rodri González e outros dous dj's procedentes de Italia. Xunto a eles repetirán Dj Lilo e Dj Manu.

Noitebús

Moitos camariñáns optarán hoxe, no entanto, por desprazarse ata Malpica, onde se celebran as Festas do Mar. Debido ao tirón que teñen entre a xente nova, a Consellería de Política Territorial decidiu ampliar ata a vila malpicá a liña do Noitebús que sae os sábados de Camariñas e pasa por A Ponte do Porto, Vimianzo, Baio, Laxe, Corme e Ponteceso. Hoxe, de xeito excepcional, a ruta non rematará na vila pondaliana, onde os establecementos de hostalería pechan as súas portas debido á celebración das festas en Malpica. A saída será ás 23.30 dende Camariñas e o retorno, ás 06.00.