Cultura quere espallar por Galicia o modelo da Praza dos Libros

CARBALLO

24 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Praza dos Libros abriu as súas portas entre cestas de vimbio, flores, patacas e un intenso olor a churros. Era inevitable. Onte foi xoves, que na capital de Bergantiños é sinónimo de mercado. Un acertado cambio de situación, dende o lateral ao paseo central do xardín municipal, conseguiu facer máis acolledora a feira literaria, que aproveitou o tirón que ten a outra para converterse nun punto de visita obrigado durante a mañá. Algúns chegaban coas ideas claras, na procura de libros como Seavia é nome de parroquia ou a reedición de Crónicas de Carballo I , que van camiño de converterse en líderes de vendas. Outros, mentres, decantábanse pola curiosidade dos libros en miniatura: grandes clásicos por oito euros ou horóscopos por cinco. E algúns quedáronse coas ganas, como un neno de corta idade empeñado en que lle compraran un libro de receitas de cociña.

Evencio Ferrero, que chegou cedo, fixo un primeiro recorrido polos postos mentres agardaba a chegada do director xeral de Creación e Difusión Cultural. Luís Bará destacou o compromiso do Concello de Carballo «coa cultura galega» e, especialmente, a súa iniciativa de facer coincidir a Praza dos Libros co mercado: «O mellor que podemos facer pola lectura é que estea no medio da xente, e a praza é o lugar onde se reúne a xente». O director xeral eloxiou a feira carballesa e o programa Literactúa, dúas experiencias que Bará está decidido a «levar, co permiso do alcalde, por toda Galicia».

Precisamente onte, aproveitando a inauguración da Praza dos Libros, a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, presentou o próximo trimestre de Literactúa e convidou «a todo o mundo a literactuar». Os títulos, os autores e os encontros propostos son Made in Galiza , de Séchu Sende, que estará na taberna O Patacón o 26 de setembro; O home inédito , de Carlos G. Meixide, que se reunirá cos seus lectores o 31 de outubro no café Colón, e Os libros arden mal , de manuel Rivas, que pechará o ciclo o 28 de novembro na cervexaría Dublín.

O alcalde, pola súa banda, evocou a súa nenez, «cando un se encontraba na praza do Concello con moita actividade e cun concello vivo», e expresou que a Praza dos Libros é un exemplo máis «do noso compromiso coa Costa da Morte e coa literatura». Evencio Ferrero rematou con palabras de apoyo para o pobo saharauí, que tamén ocupa o seu propio espazo cunha caseta na feira literaria.