A Praza dos Libros abre as súas portas no xardín carballés

La Voz

CARBALLO

23 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A literatura e os produtos do campo comparten hoxe o mesmo espazo: a praza do Concello de Carballo. Non é por casualidade. Pola experiencia de anos anteriores, a festa anual da literatura convive á perfección co mercado semanal, de maneira que unha e máis outro se nutren reciprocamente de visitantes.

Durante catro días, os que separan este xoves de mercado do vindeiro domingo de feira, o xardín municipal vaise encher non só de libros, senón tamén de actividades lúdicas, participativas e formativas para todos os públicos; de autores locais, pero tamén doutros chegados dende diversos puntos; de presentacións e sinaturas de libros, recitais, concertos e teatro.

Expositores

Onte pola tarde continuaban os preparativos nas casetas que durante estes catro días, de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas, mostrarán ao público as últimas novidades editoriais, sobre todo as más relacionadas coa comarca e con Galicia, e ofrecerán descontos aos compradores. Xunto ás librarías Brañas e Trasgo, de Carballo; Couceiro e Orizales, da Coruña, e Roget, de Vimianzo, no paseo do xardín tamén estarán abertos os postos do Concello de Carballo, a organización Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e, a partir de mañá, dos colectivos culturais A Xente das Cores e Manis, este último con orixinais camisetas.

Horarios

A Praza dos Libros abre as súas portas ás once da mañá, aínda que o acto oficial de inauguración non será ata as doce e media. Nel participarán o alcalde, a concelleira de Cultura e o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta. Nesta xornada vaise repetir o esquema trazado para todos os días, de maneira que nunca falten as presentacións literarias, os encontros entre os autores e os lectores e as actividades culturais paralelas. Para esta primeira xornada, á parte da posta en marcha da Ciclobiblioteca, está previsto un recital poético de Paco Souto.

Nos vindeiros días haberá propostas como A fábrica da fantasía , mañá, con actividades para os máis cativos; actuacións humorísticas, concertos como os que ofrecerán a caboverdiana Nancy Vieira, tamén mañá, e o cubano Norge Batista, o domingo, e representacións teatrais como as que teñen preparadas os integrantes de Viravolta para mañá pola tarde.