Este mes celebran as súas festas as capitais de seis concellos

La Voz

CARBALLO

08 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

carballo | Agosto é o mes das festas por excelencia. As parroquias que homenaxean aos seus patronos nestas datas cóntanse por ducias, pero tamén é a época na que viven as súas semanas grandes as capitais de seis municipios da Costa da Morte.

A primeira foi Vimianzo, onde aínda dura a resaca dos tres días de actividades programados pola comisión, que se pecharon o domingo cunha gala na que actuaron, entre outros, artistas do renome de Alazán.

Cee tomará o relevo o vindeiro luns, cunha semana de actos entre os que destacan, dentro dun programa eminentemente musical, os concertos de Celtas Cortos e Los Suaves. Mentras na vila ceense están en plenas Festas da Xunqueira, na de A Laracha empezarán, o día 15, as de Santa María de Torás, patrona da capital municipal. Serán catro días de verbenas e de animación musical polas rúas, fundamentalmente. Ao mesmo tempo, Laxe renderá homenaxe a Santa María da Atalaia, que vivirá dous días grandes: o 15, unha das datas de maior concentración de visitantes na vila mariñeira, e o 17, no que se repetirá, como todos os anos dende fai xa varias décadas, o simulacro de naufraxio, unha particular homenaxe á Virxe do Carme.

A patrona dos mariñeiros tamén será a protagonista das Festas do Mar de Malpica, que serán as últimas do calendario de agosto con tres xornadas, do 24 ao 26, nas que non faltará a música nin a tradicional procesión ata as illas Sisargas.

Pero antes aínda se celebrarán as festas de Coristanco, que serán do 17 ao 19 deste mes con oficios relixiosos e verbenas coas orquestras Ciudad Cristal, Acirema e Niebla.

Outra das vilas da Costa da Morte que tamén elixe o mes de agosto para a diversión é a de Buño, onde, ademais, as verbenas e o concerto do grupo folk A Roda, coincidirán coa celebración da non menos tradicional Mostra da Olería.