O discípulo do punk perralleiro vomita de novo

La Voz

CARBALLO

Música | Leo i Arremecághona

28 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Os camiños do punk son inescrutables, pero se observamos a árbore xenealóxica do xénero, veremos a un espécime indefinible colgado da pola túzara en lingua galega. Él é O Leo i Arremecághona (Vigo, 1974) e, á hora de describilo, a pluma treme. Tal vez sexan axeitadas estas liñas sobre a personaxe publicadas por unha revista especializada: «Un extraño vigués que aparece sobre el escenario con pinta de toxicómano, guitarra eléctrica en ristre y traje a lunares de rociera. Arremete contra la infancia, la tradición y lo bien visto. Suspiros de kaña es su debut. Un verdadero elemento a tener en cuenta». Será precisamente o espectáculo que acompañou a saída dese disco o que ofreza no Pub D'Anton, aínda que o rapaz xa conta cun novo traballo, Aghomita, campión, e da súa correspondente posta en escena. «Escollín o primeiro porque aínda non o presentara na Laracha, pero as cancións, basicamente, son as mesmas. Cambia a parte teatral, porque en directo combino a música con outras formas de expresión, como a performance», explica este kañautor, denominación coa que soe definirse. Filólogo de profesión, douse a coñecer en garitos da cidade onde mora, Compostela, aínda que un par de arquivos de audio e vídeo espallaron a todos os currunchos do país o seu punk perralleiro, incluídos os platós da televisión autonómica. A súa inclusión na Rede Galega de Música ao Vivo fixo o resto. «Sempre me plantexo ata onde podo chegar, porque a verdade é que sei como empezo os concertos pero nunca como os vou a acabar». Os seus videoclips de catro perras, que lle serven de escusa para montar unha festa doméstica, ou tal vez sexa ao revés, dan fe da súa filosofía desleixada. «Nas miñas actuacións predomina o humor. Ata me teloneo a min mesmo antes de arrancar cos Suspiros de kaña. Fágome chamar O Leio e recupero a canción protesta galego-portuguesa. Pero non é unha parodia dos cantautores da época, senón unha reivindicación das nosas orixes», di o autor de A canción do vagho, que tería como referentes a xente de aquí e acolá como Os Resentidos, Jonathan Richman, Siniestro Total ou Billy Bragg. Se Manolo Cabezabolo se reencarnase en Galicia, tería seseo, gheada e un apelido á altura das circunstancias. The Turre's Band Tras Leo, a música en directo no D'Antón continuará mañá coa visita de The Turre's Band, un grupo formado por unha decena de músicos de Mos que mesturan o swing, o ska, a música balcánica e as bandas sonoras para converter os seus recitais en auténticas festas.