Benvidos a Baños de Carballo

Xan M. Fraga Rodríguez

CARBALLO

Crónica | Terra de letras

22 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Porque así,  Baños de Carballo, mandou gravar Domingo Fontán esta terra na súa Carta de Galicia . Dicir Bergantiños é dicir Galicia, dicir Pondal, dicir poesía nacional. Con Alfredo Brañas, Galicia érguete e anda como en Irlanda. San Luís Romero, poeta, zapateiro, dramaturgo: O Fidalgo . Agrarismo: Sofán das mártires. Con Castelao lembramos Oseira, Nebra e Sofán. Parga Pondal, mapa da xeoloxía de Galicia, a gran depresión Razo-Tui. Penedos de Pasarela, Braño e Traba. Monte Neme, wolframio, bosque sagrado. Baldaio, Murguía, prehistoria acheulense, loita ecoloxista, Carlos o Xestal. Baixos de Baldaio, morte na costa. Sisargas: Grande, Chica e Malante, illas do tesouro; despedida de Humboldt. Malpica de Urbano Lugrís: piratas, baleas e sereas. Emilio González López, mar e república. Mourelle de Corme explorando mares. Todas as culturas no Batallón Literario da Costa da Morte. Fabián Pardiñas de Vilardefrancos, recuperación da lingua, Festas Minervais. Freixeiro Mato, lingua e terra. Antonio Pichel Lorenzo, cantigas medievais e todas as francias: vermello e negro. Xurxo Borrazás, con ese criminal cabeza de chorlito no Trópico de Cáncer, abrindo camiños. Alberte Varela Ferreiro e Alberte Gende Díaz deseñan. Manolo Facal: gravados, pintura, escultura e libros ilustrados. Como ilustrado era Pedro Bermúdez de Castro dende As Pallas de Artes. Carballo de balnearios e feiras. Labarta Pose, feira de Verdillo.  Bértoa de Francisco Miguel, caído. Impresor Aldemunde. Aldemunde, do dolmen. Dolmen de Dombate. Bergantiños de regueifas, con Calviño de Tallo, Blanco e Costa de Coristanco. Bergantiños Fútbol Club, campeón da Copa Galicia 1969. Carballo de trolebús. Arsenio Iglesias, en trole de Pedras Brancas a Les Corts. Arturo Cuadrado, botella ao mar. De Punta de Razo a Punta del Este. Coristanco da Rexoubeira de Bergantiños: Asunción Antelo. Carballo de música, Varela Silvari, Xocaloma e Xosé Manuel Eirís: Iste lago inmenso . Sergio Moure música de cine. Desde Laracha: Lino Gómez Canedo, galegos en América. E con Avilés de Taramancos, reafirmamos o Xuramento de Laracha. Fisterra de Alexandre: matraquiños, libros e o Ché. Porrúa de Corcubión, libros mar por medio. Cabana: confín dos verdes castros, berro seco con Saturnino Cuíñas. Dende Soesto: liberalismo de Juan Antonio Posse, en tempos de absolutismo. Nemancos de López Abente, sempre coa Xeración Nós. Antón Zapata, a roseira de Soidades, con Otero Pedrayo e moitos máis que son. Anllóns, campá e río que vertebra Bergantiños: A Laracha, Carballo, Coristanco, Cabana, Malpica, Ponteceso e Laxe. Benvidos, amigos do libro, rexos e fortes, materia e madeira, codia e códice, minervas e follas do libro dos amigos. A Costa da Morte cos seus trigos e os seus pinos abraza, dende este quercus robur, Carballo de Bergantiños, a xente dos libros.