Os «Venres Culturais» inclúen este mes tres funcións teatrais

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

08 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A programación dos Venres Culturais inclúe para este mes tres representacións teatrais no Pazo da Cultura de Carballo. A primeira proposta, prevista para esta noite (21.00 horas), chega da man de A factoría teatro, unha compañía compostelana que presenta unha montaxe moi actual na que participa un equipo artístico moi amplo e procedente de disciplinas tan diversas como a música, a danza ou as artes plásticas. narra a historia de Luísa e Helena, dúas irmás que comparten apartamento na cidade e que teñen a súa vida organizada cuns roles moi definidos. Pero a orde establecida salta en anacos cando Luísa se namora de Nico, un actor que pronto comparte apartamento con elas. Esa convivencia propicia un achegamento entre Nico e Helena, que chegan mesmo á intimidade física, pero ela non está disposta a traizoar a súa irmá para emprender unha aventura lonxe da rutina na que vive. Os lazos de sangue saen vencedores. A obra do polifactético Antón Lopo, un artista galego que destaca pola orixinalidade das súas propostas, acadou o Premio Álvaro Cunqueiro de escrita teatral no ano 2005. A representación, incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios, ten unha duración de una hora e dez minutos. A entrada custa 3,5 euros e 2,5 para os colectivos con desconto. Aínda que non estaba prevista na oferta inicial, dentro dos Venres Culturais chegará o día 17 a Carballo a compañía coruñesa Casa Hamlet, que trae nesta ocasión o espectáuclo Contos troianos , unha versión da guerra de Troia adaptada por Manuel Lourenzo, director da compañía. As entradas para a función poden reservarse na Concellería de Cultura ou no número de teléfono 981 704 300. En familia A programación teatral de marzo rematará o día 25 cunha proposta para toda a familia. Talía estará en Carballo con O merlo branco , unha montaxe recomendada para maiores de seis anos a través da cal se fomentan valores como a tolerancia ou a integración. Debido ao público ao que vai dirixida, a función comezará ás seis da tarde. A entrada neste caso custará 2,5 euros para os adultos e 2 para os rapaces menores de doce anos, os estudantes e os maiores de 65. Polo que se refire ao mes de abril, no que rematarán as actividades dos Venres Culturais, tamén se inclúen no programa do Concello de Carballo dúas representacións teatrais. A compañía Lagarta, Lagarta traerá o día 13 a súa cuarta produción, As últimas lúas , baseada no texto do italiano Furio Bordón. Pola súa banda, unha agrupación local, Vagalume Animación, pechará o ciclo con dúas obras: Monsters vs Addams e A bela non durminte , nas que, como é característico da compañía, a diversión está garantizada.