Crítica | Onomástica histórica de Berdoias
26 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Dentro do que cabe, porque é unha parroquia galega, a de Berdoias tivo sorte. Alí, onde o mundo se chama Verdeoas, en alusión a un desaparecido campo da planta herbácea chamada verdeoa, aínda non morreu soldado galego ningún. Dos 18 que van alá, en «misións humanitarias», 11 eran galegos/as. Está visto, ganar o pan noso de cada día ás veces custa moito máis co propio pan, e diso os galegos de Galicia, onde se fixeron demasiadas casas de turismo rural e non sen deixan facer barcos, saben moito. Así e todo, como dicimos, a parroquia de Berdoias, dentro do que cabe, é afortunada. Ten un crego que responsa en galego dende hai moitos anos (non vaia ser que esteamos en Galicia), e o amigo Xosé María Lema mirou para ela, non coa intención de apañarlle os votos, senón para amala, estudala e redimila sequera nos nomes das súas xentes. A Asociación Galega de Onomástica, (AGON) tivo a ben lle publicar ao incansable escritor e investigador de Bamiro o seu libro Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000). I. Os nomes masculinos , onde o atleta da cabeza Xosé María, que debe ter unha chea de músculos no cerebro, debulla, co mesmo amor e coidado co que os nosos paisanos debullaban o seu millo, nos nomes de persoa masculinos desta freguesía. Á parte das sempre necesarias estatísticas e porcentaxes, que ao profano poden parecerlle frías, o profesor Lema soubo darlle calor ao seu libro, con pingas moi logradas de emoción, tenrura e lirismo, cando, por exemplo, constata que nos antigos libros de bautismo unha mesma parella rexistra en dous anos consecutivos dous nenos ou nenas cos mesmos nomes e apelidos. O baleiro da morte Isto, que podería parecer un erro do sacerdote que os bautizou e rexistrou, convértese nun feito conmovedor, causado polo alto grao de mortalidade infantil que amosaban os libros de bautizados antano, cando chovía sempre na casa do pobre. Así, os matrimonios aos cales lles morría un fillo nos seus primeiros días ou meses de vida, «encargaban» para o ano seguinte outro, ao que lle puñan, se era do mesmo sexo, o mesmo nome que tiña o neno falecido o ano anterior, co fin de encher -soñar é necesario e imaxinar é indispensable- dalgunha maneira o tremendo baleiro causado pola morte da primeira criatura. Outras veces, segundo constata tamén Xosé María Lema, nos libros de bautismos aparecen moitos nenos co nome do señor cura. O que non obedece ao feito de que o señor cura visitase, non precisamente en encontro pastoral, ás súas freguesas de noite, senón que era consecuencia dunha realidade onomástica e social, cientificamente comprobada, segundo a cal, os cregos, principais axentes introdutores dos nomes persoais nas súas parroquias, presionaban ás familias para que os nenos se chamasen como eles. Isto e moito máis queda rexistrado no libro Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000). I. Os nomes masculinos, de Xosé María Lema Suárez, editado -outros incansables con bíceps na cabeza- pola Asociación Galega de Onomástica, que preside Gonzalo Navaza, e alentan, entre outras persoas, as investigadoras Ana Agrelo Boullón e Luz Méndez. Escrito está e escrito queda. Deus salve á terra onde o mundo se chama Verdeoas, hoxe Berdoias, e a todas as terras.