«Se tomas isto a broma non tomas en serio ao país»

CARBALLO

Entrevista | Manuel Vidán Torreira Os nomes de lugar de Bergantiños centrarán a charla que o investigador ofrecerá pola tarde no Casino de Carballo, convidado polo Instituto de Estudos Bergantiñáns

14 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Vidán Torreira (Santiago, 1924), leva boa parte da súa vida dedicado á investigación dos topónimos. A vocación chegoulle sendo estudante no seminario, e ao longo de todos estes anos ten feito multitude de descubrimentos. Algúns deles, relacionados coa comarca de Bergantiños, centrarán a charla que ofrecerá ás oito no Casino, e que promete que será «amena». - ¿Hai topónimos interesantes na comarca? -Hai, claro. Xa o primeiro e tan discutido, Bergantiños, dá bastante de si. Hai que ir ás grafías antigas para descubrir, por exemplo, que o actual Cerezo na grafía antiga era Seretio, e iso provoca que nós pensáramos que era un cerezo e non é así. A toponimia é un entretemento enorme para os que andan investigando. - ¿Para vostede é un pasatempo ou algo máis? -É unha cousa seria, e paréceme que había que estudiala debido á cantidade de deformacións que sofren as palabras; paréceme que é algo que hai que desfacer e acabar con iso dunha vez. Se tomas isto a broma non tomas en serio ao país. - Pero non hai demasiadas investigacións sobre os topónimos . -Hai moito deturpado. Non é por mala fe, senón que se toman como verdadeiras interpretacións que non o son. - ¿Hai moitos erros? -Si. Eu teño, polo menos, unhas corenta aras mal interpretadas. Por iso eu poño sempre as fotos nas miñas publicacións, para que se vexa que alí di o que poño eu. A revisión sobre esas cousas que se sabe que están mal deberíase facer, e non se fai. - ¿Resulta difícil a investigación? -Moitísimo, porque primeiro tes que ter a fonte de verdade, que non estea deturpada. Os sonidos evolucionan, e se as investigacións parten dunha forma actual e se ignora a forma anterior, créanse interpretacións erróneas. - Vostede leva moitos anos estudando os topónimos, ¿por que? -Sempre me gustaron. Eu estiven no seminario moitos anos, e alí usábase un sistema que consistía en que cando había debates tiñas que definir as palabras que ías discutir, porque dous que discuten teñen que estar dacordo no significado da palabra sobre a que van discutir. De aí vén o meu afán de estudar as palabras, a etimoloxía, que non é tanto o significado como a súa orixe. É como un virus, e fai que chegue un momento no que che gusta.