O teatro galego apoia os actos contra a violencia no fogar

La Voz C. A. | CARBALLO

CARBALLO

Mela Casal e Gloria Ferreiro interpretaron «Rotas» en Cabana Tras «A asamblea das mulleres», o día 24 representarase en A Laracha «Femenino plural»

11 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O teatro galego tamén se quere sumar aos actos reivindicativos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebrará o sábado 25. Arredor desa data están previstas en toda a Costa da Morte conferencias, proxeccións de películas e exposicións, pero a escea ocupa este ano un lugar preferente. As primeiras mostras chegaron coa fin de semana a Cabana e A Laracha. A compañía Pífano Teatro, que fai un percorrido por 28 vilas galegas coa montaxe Rotas , protagonizada por Mela Casal e Gloria Ferreiro, desembarcou en Cabana cun espectáculo que retrata a dúas mulleres de distinta condición social, pero unidas polo medo, a vergonza e o desamparo ante as situacións de violencia que padecen. A proposta, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta e pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, convida aos asistentes a participar, ao remate da función, nun debate sobre o tema de fondo. Cun tono en absoluto dramático, senón todo o contrario, a compañía Skené Teatro levou tamén o venres á Laracha a obra A asamblea das mulleres , na que o seu obxectivo é demostrar que son elas as que deben gobernar a cidade. A esta proposta, incluída nos Venres Teatrais, sumarase o día 24 unha nova representación, neste caso promovida polo Centro de Información á Muller (CIM), cun carácter máis reivindicativo e que leva por título Femenino plural (21.30, Casa da Cultura).