ARA SOLIS | O |
05 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ANDAMOS EN tempos de cambio. A chegada de novos inquilinos a San Caetano trae como consecuencia unha chea de idas e vidas, entradas e saídas nos despachos da Xunta. Uns teñen que recoller o que teñen nos armarios e outros chegan de novo e aínda non saben ben como enchelos. Hainos que terán que pasar pola xastrería para adaptarse ás novas obrigas. Un cargo público leva consigo certos condicionantes estéticos. Os pantalóns texanos van ter que descansar un tempo ou gardalos para as fins de semana nas que non haxa compromisos oficiais. Todo isto faime lembrar o que dicía ao caso un intelectual da República: «Un político que para gobernar debe cambiar de xastre, ten que ser un político catastrófico». Contábame un día destes un soneirán que tiña un pai moi fachendoso que nunha ocasión fora a unha festa á Coruña e puxera o traxe dun día. Cando viña de volta e baixou do Finisterre, o mestre do pobo, que non vía ben, confundírao cun señorito. Ao achegarse para renderlle honores levou unha sorpresa e pouco menos que reprendeu ao seu paisano. A estas o ferreiro espetoulle: «¿Que pensaba? Eu non son tipo sapo. Podo andar con lá, pero non son carneiro».