«O artista máis completo é o que entra en todas as áreas»

Cris Souto | Ramón Rivera CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | Manuel Facal Ponte O carballés está expoñendo ata o vindeiro día 27, xunto con outros dous artistas, o seu traballo de escultura titulado «Abstracción, expresións da cultura» en Nova Iorque

22 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Facal está a expoñer seis das súas esculturas no African American Museum of Nassau County de Nova Iorque. Onte falou de arte en RadioVoz Bergantiños. -Para min é unha das máis importantes das que fixen ata agora e supón poñer un pé alí, onde facía moitos anos que non expoñía. É un novo intento de proxectar a obra que fago. -¿A abtracción é tan fácil de facer e tan díficil de entender como semella? -A miña obra non é abstracta completamente porque se poden ver cabezas de persoas na maioría das obras. É máis ben expresionista. O de entendelo é cuestión de educación, porque necesitan dun coñecemento a través de anos de visión de obras abstractas. Hai que ter uns coñecementos para sensibilizarte ante ese fenómeno que é a abstracción. -¿En que se inspirou para facer a obra «O Peixe» de Carballo? -Trataba de facer unha obra moi sinxela e moi simbólica e, á vez, con referencias a toda a obra que se leva feito en escultura. A idea era facer unha especie de monolito típico de todas as culturas anteriores. Facer unha cousa sinxela, transparente e referente ao mar porque simboliza a Galicia. -¿Que opina de incorporar a escultura á vida cotiá? -É importante, porque está nun espazo aberto e público. Para min unha escultura ao aire libre ten unha gran importancia, porque pode chegar a todos os públicos e pódese visitar todos os días. -¿Vostede tamén é coñecido polo gravado, a pintura e a fotografía. Un artista éo en todos os sentidos ou hai que ir aprendendo cada arte? -Hai artistas que se interesan só por unha técnica, pero a maioría intenta facer unha obra máis interdisciplinar, moito máis completa. O artista máis completo é o que entra en todas as áreas. -¿Cal é a que máis lle gusta? -A escultura, aínda que fixen moi pouca, pero é a que máis me interesa porque ten as tres dimensións. Pódela mirar dende distintos ángulos e pode ser de gran tamaño. -¿En que se inspira para darlle forma ás súas obras? -A inspiración está por dentro. Todo o que sexa natureza é inspirador -¿Como comezou a traballar de artista? -Interesándose pola arte, tratando de impoñerse esa posibilidade de facer arte. Hai que ter tesón e darlle continuidade a ese interese. -¿A súa familia apoiouno en todo momento? - Non lles interesaba nada, foi unha decisión persoal, pero non me arrepinto en absoluto.