«Espero seguir no Barcelona e que as cousas vaian ben»

Ramón Rivera CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | Rubén Martínez O porteiro coristanqués do clube catalán proclamouse campión dos Xogos Mediterráneos de Almería coa selección española sub-22

07 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?ubén Martínez Andrade é o terceiro porteiro do Barcelona. Acaba de volver de Almería, onde conseguiu coa selección española sub-22 a medalla de ouro dos Xogos do Mediterráneo. -Sempre que gañas un torneo destas características estás contento. Ademais puiden colaborar en dous partidos e este era un dos logros que lle faltaba á selección española xunto cos da absoluta. -¿Que partidos xogou en Almería? -Xoguei contra Turquía e Libia. -¿Por que o seleccionador decidiu alternar os porteiros? -Porque era un torneo máis amistoso ao principio, e dicidiu que todos os xogadores tiñan que participar. -¿Cal foi o rival máis duro de España? -Italia, polas patadas que dou, polo xogo duro que tivo, pero non crearon moito perigo, só o gol nunha falta. O rival máis difícil foi Turquía na final. -O partido contra Italia tivo que suspenderse a poucos minutos do final porque os rivais quedaron con seis xogadores. ¿Viu algunha vez algo semellante? -Non. Vin partidos nosos nos que expulsaron a moitos, pero algo coma isto, non. -¿Esperaban ser campións dos Xogos do Mediterráneo? -En principio, non, pero tal e como foron sucedendo as cousas vimos que podíamos ser campións. -¿Esperaba estar na selección sub-22? -Xa estiven na sub-21 este mesmo ano e xa levaron xente coa que non contaban habitualmente na sub-21, así que foi esperado. -¿Como foi a progresión no Barcelona? -Dende moi pequeno fun pouco a pouco subindo de categoría e de momento espero seguir alí e que as cousas vaian ben. -¿Foi para vostede o debut en Primeira División o momento máis importante? -Foi un momento moi importante, pero hai moito traballo detrás como para lembrar só ese partido como o máis destacado. -Acostúmase a dicir que os porteiros son supersticiosos. No seu caso, ¿é certo? -Si, algunha teño. Por exemplo, vístome sempre do mesmo xeito para os partidos. Teño outras pero non as quero dicir. -¿Con quen se leva mellor da plantilla do Barcelona? -Lévome ben con todos os canteiráns porque xa os coñecía das categorías inferiores, por exemplo Víctor Valdés e Jorquera. Tamén os brasileños me trataron moi ben. -¿A próxima tempada estará no primeiro equipo? -En principio, as cousas seguirán igual que esta: Víctor Valdés, Jorquera e eu. -¿Que sentiu ao non poder estar no campus de fútbol de Coristanco? -Tiña moitas ganas de vir, porque o organizou Juan (José Vila), é un gran amigo meu, o meu segundo pai. Se quedabamos eliminados contra Italia podería vir, pero non foi así. Ao final gañamos a medalla de ouro e iso foi un consolo, pero a verdade é que tiña moitas gañas de estar aquí.