A festa da cultura traslada a súa capital á aldea pontecesá de O Couto

La Voz C. A. | CARBALLO

CARBALLO

XESÚS BÚA

Onte leváronse a cabo actividades en case todos os municipios da Costa da Morte A praza do Concello da capital de Bergantiños foi o centro das celebracións

17 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Mentras os máis ousados aproveitaban o primeiro día sen chuvia das últimas semanas para desprazarse ata as praias, centos de persoas participaron ao longo de toda a Costa da Morte nas actividades programadas para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado a Xesús Manuel Lorenzo Varela. Pero o escritor con raíces en Monterroso (Lugo) non foi o único homenaxeado este 17 de maio na Costa da Morte. O Concello de Muxía, no que vén sendo xa unha tradición, depositou un centro de flores aos pés da estatua do poeta local Gonzalo López Abente, e o BNG de Cerceda e a asociación cultural Monte Branco de O Couto agasallaron con diversas actividades ao finado Manuel María, outro lugués que deixou fonda pegada na zona. O pan esgotouse en Carballo. Algunhas panaderías fixeron un día de descanso, e as que traballaron non deron abastecido a todos os veciños. Na capital de Bergantiños, coa maior parte das rúas desertas, o ambiente concentrouse na praza do Concello, onde a agrupación cultural Lumieira celebrou as vodas de prata do seu concurso de debuxo e pintura infantil, moi concurrido, coma sempre, e o Concello levou a cabo o maratón Oito horas lendo , tamén cunha destacada participación, sobre todo escolar, e coa música de fondo da Banda Municipal de Gaitas, que percorreu as rúas próximas. Houbo actividades en case todos os recunchos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Pero o ritmo empeza a decaer a partir de hoxe en toda a zona excepto na localidade pontecesá de O Couto, que comezou o luns a súa semana grande. Os vindeiros tres días, incluído o de hoxe, levarán as letras galegas aos colexios. Co título Os escritores na escola , esta mañá reunirase cos rapaces de Corme Antón Cortizas, que fará con eles un obradoiro de poesía, e pola tarde estará no centro Eduardo Pondal de Ponteceso, onde tamén manterá un encontro cos profesores. Mañá, o convidado será David Otero, que estará nos mesmos colexios, e o venres, no instituto, recibirán a visita de Luz Pozo Garza e Miguel Anxo Fernán-Vello, aínda que as actividades continuarán pola tarde na Casa dos Veciños con xogos cooperativos e contacontos con Celso Fernández, entre outros.